O secretario xeral do PSdeG amosa a súa ilusión de que Óscar Rial recupere o goberno da “terra de Castelao”
Os exalcaldes rianxeiros Bravo Frieiro e Pedro Piñeiro, respaldan coa súa presenza ao novo cabeza de lista dos socialistas
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, interviu este domingo na presentación de Óscar Rial como candidato a alcaldía de Rianxo, onde puxo en valor que o Comité Nacional do PSdeG ratificara por “aclamación” as listas socialistas, incluídas a das 7 grandes cidades.
O líder dos socialistas galegos amosou orgullo porque o seu partido gobernase anteriormente “a terra de Castelao” e asegurou que con Rial ao fronte da candidatura volverán a “concretar os soños dos rianxeiros e rianxeiras”.
“Nesta marea que aposta por Rianxo temos barco, que se chama Partido Socialista e temos a mellor tripulación, que son rianxeiros, que queren saír ao mar, e atopamos ao mellor patrón, que coñece os ventos, que é Óscar Rial, e que se preocupa xa antes de ser alcalde pola súa tripulación”, dixo Formoso ao fío do espírito mariñeiro que caracteriza a Rianxo.
Formoso encara este proceso de municipais con moito ánimo trala aprobación, ben por aclamación, ben por unanimidade, das listas que presentarán os socialistas en 231 dos concellos galegos. No relativo ás que faltan por configurar, afirmou que traballan por ter as mellores candidaturas no maior número de concellos posibles, pero que non van a “estar por estar” e que presentar listas sen xente da vila é “tomarlle o pelo á cidadanía”.
Do mesmo xeito, está seguro de que seguindo co seu “proceso de reconstrución” do partido, nuns anos haberá representación socialista moi “digna e identificada con cada unha das 313 vilas galegas”.
Os socialistas estanlle a dar unha gran importancia ás eleccións de maio. En palabras do seu líder, que ten unha ampla experiencia no ámbito municipal, isto débese a que é na política local “onde nos relacionamos de forma directa coa cidadanía, coa veciñanza e o Partido Socialista desprega todo o seu potencial”.
Resalta que a política municipal, “non é unha carreira electoral sen máis”, senón que é “a esencia da política, a máis achegada á cidadanía” e cre que dálles un “coñecemento” que enriquece o resto de esferas políticas.
ILUSIÓN E RESPALDO DOS HISTÓRICOS
O candidato do PSdeG, Óscar Rial, que se presenta por primeira vez estivo arroupado polos exalcaldes socialistas da localidade, Bravo Frieiro e Pedro Piñeiro. Rial afronta esta etapa “con moita ilusión”, nun “momento de cambio, de xerar ilusión e a sensación de que Rianxo merece ter un futuro, e para iso estamos traballando e para iso nos presentamos”, declarou.
O candidato remarcou o traballo que están a realizar indo casa a casa e “petando en todas as portas”, na Deputación, no Parlamento, no propio partido, aos que agradeceu a súa axuda para recuperar “o Rianxo paraíso” do que estaban orgullosos no pasado. “Imos a recuperar os servizos que merecemos” e asegurou que para iso están traballando.