O cabeza de lista por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, saúda o compromiso dos mozos e mozas de ser “verdadeiros influencers da democracia”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou en Lugo ao voto xuvenil fronte ás opcións de dereita que “trata á mocidade deste país como borregos”. Así o dixo nun acto dirixido aos mozos e mozas coa participación das Xuventudes Socialistas no que tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso pola Provincia, José Ramón Gómez Besteiro, e a alcaldesa Lara Méndez.
Formoso pediulle aos máis novos o apoio para un PSOE que nos seus 144 anos de historia ten feito “bandeira do avance social” da mocidade, nunha etapa que tense consolidado como “columna vertebral e correa de transmisión da maioría social”. Situou do outro lado a unha dereita que “cada vez que goberna coarta a capacidade formativa subindo as taxas universitarias e reducindo o orzamento en bolsas”.
Advertiu que “quen non concibe á mocidade como persoas libres tamén sexualmente non merece gobernar o país”, e emprazou aos mozos e mozas de Galicia a reflexionar sobre a relevancia da próxima convocatoria electoral, “probablemente a data máis importante dos últimos 40 anos deste país”.
Nestes comicios, concluíu, os galegos e galegas tamén decidirán entre consolidar os avances sociais da man dun PSOE que “representa á maioría deste país que se chama Galicia e que se chama España” ou “volver 40 anos atrás, ao branco e negro e 2 formacións para nada europeístas” e “incorporar o retroceso histórico ao goberno”.
Influencers da democracia
O cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, salientou, logo do encontro, a reflexión da mocidade galega de “ser verdadeiros influencers da democracia”. Aplaudiu o seu compromiso na defensa dos valores e liberdades deste país fronte a unha “vida pasada” dunha España “peor” con “ditaduras e censuras que non recordaban” porque eles non naceran.
Explicou que na xornada celebrada hoxe os socialistas galegos puxeron en valor o descenso histórico do paro xuvenil “a niveis que non se viviran en toda a democracia” grazas á xestión do goberno presidido por Pedro Sánchez “por e para” os máis novos.
O mesmo goberno, dixo, que “dignificou o Salario Mínimo” cunha suba que permite o acceso ao emprego en condicións dignas, ademais de axudas ao alugueiro ou ao transporte. Pediu o apoio para un novo goberno socialista que faga da xuventude “protagonistas ineludibles” centrando os novos fondos europeos no medio ambiente, a transición dixital ou a modernización do país.