O secretario xeral do PSdeG visita Ferrol no último día de campaña para respaldar a un Ángel Mato que busca acabar coa rotación constante de alcaldes das últimas catro décadas
A Ministra Margarita Robles apoia ao candidato socialista, de quen salienta o seu “compromiso, seriedade e ilusión” e que “ama Ferrol”
26 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo este venres en Ferrol un último chamamento á mobilización dos votantes progresistas de Galicia, exclamando que “ninguén pode quedar na casa cando hai tanto en xogo”. Pediu, deste xeito, “que este país se levante” o domingo, porque “non podemos dar un paso atrás e paralizar os proxectos modernizadores” das vilas e cidades.
O número un dos socialistas galegos estivo na última xornada da campaña acompañando á Ministra de Defensa, Margarita Robles, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, na súa visita a esta cidade, onde mantiveron un encontro cos membros da candidatura, inspeccionaron o proxecto “revolucionario” de Abrir Ferrol ao Mar, que porá en disposición da cidade 90.000 m2 que eran da Armada. Robles interviu tamén no mitin que puxo o punto e final á campaña ferrolá dos socialistas.
Formoso augura así que se acadará un “gran resultado” para os socialistas, pero reclama que acudan a “expresar nas urnas” o respaldo social que notan nas rúas. “Este domingo”, incidiu, “decidimos entre dúas formas de facer política, a que aporta ilusión, proxectos de futuro, postos de traballo de calidade e servizos públicos dignos, e a que non aporta máis que ruído, crispación e a política de amiguetes para administrar os cartos de todos”, alegou.
Tamén asegurou que nota “medo” e “nervios” en Rueda e Feijóo”, porque “esconden aos seus candidatos” debido a que “non teñen proxectos para as vilas de Galicia”. Mentres tanto, destacou que os socialistas piden o voto “unicamente coa cara do candidato que van a avaliar os cidadáns” e senten orgullo por eles.
“O ENGANCHE DA POLÍTICA REAL”
Valentín Formoso aproveitou tamén o último día de campaña para facer balance dende Ferrol e salientar que estivo “percorrendo Galicia” nunhas eleccións municipais que son “o enganche da política real, o enganche do PSdeG cos problemas, esperanzas e aspiracións dos veciños e veciñas”, e nas que os socialistas teñen un maior apoio, o que fai do partido “a columna vertebral política do país”, engadiu.
“A preocupación permanente” que percibe dos ferroláns e ferrolás é a carga de traballo no “corazón económico e laboral de toda unha comarca”. Por iso, vir a explicar que temos expedito o futuro laboral para os próximos vinte anos” co investimento por parte do goberno de España de 6.400 millóns de euros na construción de fragatas en Navantia.
UN ALCALDE QUE AMA FERROL
A Ministra de Defensa, Margarita Robles, acudiu á cidade para reiterar o compromiso amosado durante estes anos cunha cidade tan vinculado á súa carteira como Ferrol, así como co seu alcalde. Un Ángel Mato que tentará ser o primeiro que logre revalidar o goberno dende que o fixera o socialista Xaime Quintanilla en 1983. Robles destacou que é “unha gran persoa, que quere Ferrol” e que é un candidato “cun compromiso, seriedade e ilusión que son difíciles de encontrar”.
Robles fixo un chamamento aos ferroláns e ás ferrolás para que acudan masivamente a respaldar nas urnas o proxecto de Mato este domingo, xa que declarou que “creo en ti, Ángel e nos teus proxecto”, os que asegura que van a converterse en realidade”, como o propio de “Abrir Ferrol ao Mar” ou os milleiros de postos de traballo garantidos para os asteleiros.
Tamén falou un Ángel Mato que agradeceu a “un referente” como a Ministra Robles que acudira a arroupalo nas últimas horas da campaña. Pediu o voto á cidadanía co argumento de que “ningunha cidade pode permitirse ter 11 alcaldes en corenta anos” ao que engadiu “creo que é importante ter a oportunidade de desenvolver proxectos a medio e largo prazo, que é importante ter confianza e que iso vai a servir para que a cidade non pare”. Mato chamou á recibir a confianza dos cidadáns para continuar os seus proxectos e “seguir igual que ata o 28” porque ningunha cidade pode partir de cero cada catro anos”.
PECHE EN BETANZOS
O secretario xeral dos socialistas galegos volveu a incidir na mensaxe da mobilización e de chamamento ao voto progresista no mitin de peche de campaña de Betanzos, ao que acudiu para respaldar á alcaldesa e candidata á reelección, María Barral, que tamén é secretaria de Relacións Institucionais da Executiva Nacional do PSdeG e foi unha das coordinadoras da comisión relatora do programa marco para as municipais do 2023.
Mentres Formoso pechou campaña en Betanzos, logo de participar nos actos coa Ministra Robles en Ferrol, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, pechou campaña na Coruña, na festa mitin na que acompañou á alcaldesa Inés Rey. O delegado do Goberno en Galicia, Jose Ramón Gómez Besteiro, fixo o propio no mitin de peche da rúa Bispo Basulto de Lugo, coa alcaldesa Lara Méndez; e o Ministro de Sanidade, José Miñoñes, pechou a xornada en Ourense, no mitin do parque Ribeira de Canedo, onde arroupou ao aspirante socialista á alcaldía, Francisco Rodríguez.