O secretario xeral do PSdeG advirte que o goberno galego non pode “esconderse” ante a situación de alerta por carencia de auga que afecta a concellos de Lugo, Ourense e a contorna de Vigo
Insta á Xunta a poñer en marcha as máis de cen medidas pactadas co PSdeG para impulsar a ordenación forestal e reforzar as labores de prevención dos lumes
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixe a Rueda “que se arremangue” e tome medidas fronte aos problemas máis urxentes que ten Galicia, como son os incendios forestais e a seca que mantén en alerta a varios concellos. Incidiu que se lle acabou o período de gracia de 100 días á fronte da presidencia da Xunta e en que non pode “esconderse” por máis tempo.
Formoso aproveitou a súa visita á festa do polbo do Carballiño para subliñar que o tempo de acoplamento de Rueda ao seu novo cargo “xa rematou”. Engadeu que os galegos precisan de solucións, non un goberno autonómico que se dedica a botarlle as culpas de todo aos concellos, como ocorreu cos falta de socorristas ou coas labores de extinción dos lumes.
No apartado dos incendios, Formoso puxo de manifesto que si algo demostraron os socialistas nos últimos anos foi “altura de miras e a intención de consenso” para non usar de forma partidaria os lumes forestais.
É algo que se puido comprobar xa no 2018, cando o PSdeG votou favorablemente xunto co PP o dictame parlamentario coas 123 recomendacións dirixidas a impulsar a ordenación forestal e as labores de prevención dos lumes. Catro anos despois, “ningunha se levou a cabo” no que atinxe aos incendios.
Esta posición de “non facer política” cos lumes é, para Formoso, contraria á que tivo o Partido Popular na oposición, polo que aproveitou para recordar a imaxe de Núñez Feijóo cuns “castellanos e unha mangueiriña” tratando mostrar que estaba apagando un incendio.
Respecto á seca, o número un dos socialistas galegos reclamou a Rueda que “tome a batuta” e non se esconda de novo, como coa problemática do socorristas, da atención primaria ou dos incendios, casos nos que se dedicou a derivar as responsabilidades cara os concellos.
Para Formoso a situación é crítica, xa que nas provincias de Ourense e Lugo, así como nalgunhas comarcas de Pontevedra, está próxima a declaración de emerxencia por seca. Ante esta conxuntura límite, esixiu que non se deixe aos concellos abandonados e se ofreza axuda aos veciños e veciñas.
O líder socialista exclamou que un goberno non está só para recadar impostos, senón que debe dar respostas á cidadanía, debe “estar á altura das circunstancias” e adoptar medidas. Formoso recalca que a xente espera que a Xunta axude a un concello ao límite como é o de Ribadavia, así como non se limite a soamente facer recomendacións aos veciños, como fixo ao respecto da seca en Vigo.