O líder dos socialistas encabeza á representación socialista na manifestación en Defensa da Sanidade Pública en resposta aos “silencios, ocorrencias e parches” do goberno galego
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou que o clamor social reunido na manifestación en defensa da Sanidade Pública resume “o que pensa o mundo sanitario e tamén a sociedade civil” da “aposta polo deterioro, a devaliación e a privatización” dos últimos 13 anos de gobernos do PP en Galicia. Formoso liderou hoxe a multitudinaria representación socialista na concentración que ateigou as rúas de Compostela.
O líder dos socialistas galegos esixiulle ao presidente da Xunta que escoite a defensa unánime “daquelo que máis queren os galegos e as galegas, que é o sistema de saúde pública”, que constitúe un “piar do Estado do Benestar e do sistema de vida” de centos de milleiros de persoas nesta Comunidade Autónoma.
A concentración, engadiu, é a resposta ao “silencio rotundo” do goberno galego ás propostas dos socialistas galegos para a recuperación e a mellora da sanidade pública. Resumiu que “hoxe vámosllo explicar doutra maneira” logo de “moito tempo intentando que escoitaran as propostas para o mundo sanitario” ofrecidas dende a experiencia de xestión institucional de organizacións como o PSdeG.
Esta é a contestación social a un goberno galego que só reaccionou con “ocorrencia tras ocorrencia e parche tras parche”, en alusión ás medidas propostas polo goberno galego diante da organziación desta manifestación de reacción a máis dunha década de “deterioro que prexudica a toda a sociedade galega”.
Valentín González Formoso encabezou hoxe á delegación socialista cunha ampla presenza de representantes públicos e orgánicos do PSdeG de toda Galicia, cos alcaldes de localidades como Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía, Ames, Boiro, O Grove, Viveiro, Caldas de Reis, Meis, Baiona, Fisterra, Corcubión, Burela, Oroso, Forcarei, Muxía, Negreira, Alfoz, Ourol ou Vilalba, entre outros, así como os responsables das deputacións e parlamentarios no Congreso e na cámara autonómica.