O líder dos socialistas galegos urxe a Feijóo “que acabe coa situación de provisionalidade canto antes” e chama a acordar medidas de apoio á cidadanía e tecido produtivo
Salvador Illa salienta a “fortaleza e vigor” municipal da acción política “pegada ao terreo” do PSdeG, do que “temos moito que aprender”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acordou hoxe co seu homólogo do PSC, Salvador Illa, abrir unha liña de colaboración entre as dúas formacións políticas para compartir o ideario e as liñas de acción política e social. Así o dixeron os dous dirixentes nun encontro de traballo hoxe en Santiago no que acordaron un documento conxunto “Por unha España plural”.
O líder dos socialistas galegos puxo en valor o ideario federal socialista “posto en entredito tanto polos secesionistas e rupturistas que prefiren as vías unilaterais como pola dereita e a estrema dereita que propoñen a desaparición dun sistema que permite conciliar a identidade territorial e os sistemas culturais cun encaixe nun Estado forte”.
Salientou que socialistas galegos e cataláns “compartimos visión de país e da organización” e adiantou que “hoxe iniciamos unha etapa de diálogo para falar dos problemas da cidadanía, da economía, da empresa, sociais e culturais”. PSdeG e PSC compartirán iniciativas e experiencias políticas “nun momento de crise económica e social provocada pola invasión de Putin sobre Ucraína”.
Advertiu que o momento actual “require dunha visión máis construtiva por parte das formacións políticas e do compromiso das formacións co seu país”. Por iso comezaron acordando un documento conxunto na defensa dunha “España plural, onde o autogoberno de Galicia se inscriba nun Estado forte que fomente a convivencia e o recoñecemento da diversidade”.
Salvador Illa
O máximo responsable do PSC, Salvador Illa, salientou as coincidencias entre as dúas organizacións “sinaladamente no feito de que España atopa fortaleza no recoñecemento da diversidade e da pluralidade”. Tanto Galicia como Cataluña, engadiu, comparten o carácter territorial histórico, a lingua propia e características propias do eido periférico de España.
O dirixente catalán confesouse “impresionado” pola fortaleza municipal dos socialistas galegos, que gobernan 3 das 4 deputacións provinciais, 111 alcaldías que representan o 65 por cento da poboación galega, incluíndo 5 das 7 grandes cidades e máis de 1.000 concelleiros.
Salientou a “fortaleza, vigor e xestión pegada ao terreo do PSdeG”, propio dun partido “municipalista” semellante á natureza dos socialistas cataláns, que “se vai traducir no ámbito autonómico galego nuns resultados mellores dos que temos”.
Feijóo
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle ao presidente da Xunta que “acabe coa situación de provisionalidade canto antes” para rematar co relevo no goberno galego e prioricen “as necesidades da sociedade e dos sectores afectados” polo “peor momento dos últimos 25 anos”. Reivindicou “medidas de apoio para soliviantar a situación que poidan aparecer no DOG o máis rápido posible”.
Formoso reclamou “que esta situación acabe xa” e reivindicou un acordo en base ao decálogo de propostas presentadas polo PSdeG para “mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas” e que garantan o tecido produtivo “do que dependen milleiros de familias”.
Esixiulle ao goberno galego que se demostre “á altura das circunstancias” logo de semanas nas que “non foron quen de sentarse co PSdeG para falar do que lle importa ás familias galegas, como afrontar a factura da luz, a supervivencia das empresas que lles dan traballo e a fortaleza dos sectores produtivos”.
En resposta a preguntas dos xornalistas sobre o cambio de candidato no PP, sinalou que “o camiño dos socialistas galegos non varía en función do candidato do PP” do marcado pola nova dirección escollida no 14 Congreso. Sinalou que “o noso obxectivo é gañar as eleccións autonómicas” e liderar o próximo goberno da Xunta, ao que “seguimos aspirando sen variar o rumbo predefinido”.
Podes descargar aquí o documento conxunto acordado hoxe