O secretario xeral do PSdeG critica a “falta de respecto” de Rueda á principal economía de Europa polo plante dado ao cumio hispano-alemán
Visita o San Froilán de Lugo onde pon en valor o modelo de goberno de Lara Méndez que quere “reflectir” en Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, amosou a preocupación dos socialistas por un presidente da Xunta que está “desubicado e descolocado” no seu posto. Hoxe, dende a festa do San Froilán en Lugo, destacou que o PSdeG quere para Galicia “reflectir o modelo de goberno de Lara Méndez” na capital lucense.
O líder dos socialistas galegos criticou que o presidente da Xunta non “teña as rendas” do seu goberno, con especial fincapé nos ámbitos da educación e da sanidade, que son os que “preocupan maiormente á sociedade galega”.
Tamén amosou a súa “fonda preocupación” por Rueda, xa que ve un presidente de Galicia “desubicado e descolocado”, en especial pola súa ausencia no cumio hispano-alemán ao que estaba convidado. Formoso non comprende como Rueda puido “faltarlle ao respecto” á principal potencia económica de Europa, ao non recibir ao chanceler Scholz no cumio “histórico para Galicia”, desta pasada semana na Coruña.
REFLECTIR O MODELO DE LUGO
O secretario xeral do PSdeG visitou a cidade de Lugo con motivo da celebración do San Froilán, aproveitando tamén para citarse coa alcaldesa Lara Méndez e destacar o seu goberno municipal.
González Formoso sinalou que quere “reflectir o seu modelo de goberno”, que é o modelo de goberno de Méndez en Lugo, do cal destacou que é unha equipa que “ está identificada co mellor da cidade e escoita á xente” así como “representa a toda a cidadanía independentemente do seu sentir e do seu pensar”.
Ao fío do “feo” de Rueda ao mandatario alemán, subliñou que o executivo de Lara Méndez en Lugo trata á cidadanía “con todo o respecto” e é “capaz de representala” en todas as institucións nacionais e internacionais. Engadiu que o proxecto dos socialistas na capital lucense “fai avanzar á cidade, faina soñar” e que “cumpre os seus soños”.
Finalizou destacando a labor de novo a labor de Méndez no goberno local, da que dixo que “representa o mellor socialismo e o mellor de Lugo” algo que quixo respaldar co súa presenza, para coller forzas de cara a un curso no que se aspira á reelección nas eleccións municipais.
O líder dos socialistas galegos acudiu á romaría do San Froilán, na que pasou toda a xornada desfrutando da celebración, acompañado da xa mencionada alcaldesa, Lara Méndez, así como de distintos membros da corporación municipal e da subdelegada do goberno na provincia, María Isabel Rodríguez López.