O secretario xeral do PSdeG visita en Ribadavia a Feira do Viño do Ribeiro, onde defende a iniciativa do Goberno de España de garantir a prestación de servizos básicos en un radio de 30 minutos
29 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, destacou este sábado a importancia que ten o sector vitivinícola como “dinamizador do territorio”, en tanto que aporta valor engadido, contribúe a fixar poboación no rural e aminora a ameaza dos incendios forestais. Do mesmo xeito, demandou do goberno galego máis apoio para as adegas pequenas e medianas, “o gran motor das denominacións de orixe”, dixo, e que mellore a dotación de servizos esenciais nas zonas menos poboadas.
Acompañado da alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, e outros cargos do partido, o número un dos socialistas galegos visitou o recinto da Feira do Viño do Ribeiro, que nesta edición cumpre sesenta anos, co fin de trasladarlle o seu apoio a un sector que considera “moi importante” para que Galicia teña un rural vivo, no que haxa emprego e a cidadanía dispoña dos servizos públicos que precisan para as súas necesidades.
Destacou Formoso que o sector vitivinícola é “un sector a coidar”, e por iso demandou da Xunta que sexa proactiva e atenda as demandas dos produtores candos. “É algo que ten moi claro a alcaldesa”, dixo Formoso de Noelia Rodríguez, polo respaldo que lle brinda aos adegueiros para manter a actividade económica na comarca.
O líder do PSdeG chamou a atención sobre a liña de axudas á reestruturación dos viñedos, advertindo que non poden ir a parar só aos grandes produtores, senón que se deben beneficiar as adegas pequenas e medianas, que son a gran maioría do sector.
Na mesma liña, defendeu a proposta presentada hai uns días polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, de garantir que todas as localidades ameazadas pola perda de poboación non sufran discriminacións no acceso ás políticas públicas e dispoñan nun radio de 30 minutos dun “catálogo mínimo” de servizos esenciais, que deberá incluír a atención primaria, de centros educativos, transporte público ou de equipamentos asistenciais como centros de día ou residencias.
Boa parte de eses servizos dependen directamente das competencias da Xunta, así que Formoso insistiu en pedir que o goberno do PP poña freo aos constantes recortes de gasto, redución de persoal e desmantelamento de medios en áreas como atención primaria.