O líder dos socialistas galegos mantén un encontro co Federación de Transportistas para “servir de correa de transmisión co goberno da Xunta e do Estado para adoptar medidas o máis rápido posible”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou hoxe dende Santiago que Feijóo ·estea de mítines nunha campaña electoral que non existe”. E isto, engadiu, mentres “os transportistas están en folga, as granxas desabastecidas, a flota de baixura amarrada e as fábricas pechadas”.
Formoso respondeu ás críticas do presidente da Xunta contra ás medidas anunciadas polo Executivo lembrando que “a diferenza do presidente da Xunta, o presidente do goberno non está percorrendo as sedes do PSOE”. Polo contrario, engadiu, percorre “o resto de países da UE para convencer ao Consello Europeo para que baixe a fiscalidade dos combustibles, da enerxía e modifique a regulación do mercado enerxético”.
O líder dos socialistas galegos urxiu ao presidente da Xunta que exerza as súas competencias tamén en materia de industria para “habilitar axudas que permitan ao colectivo de transportistas afrontar unha suba de prezos que fai imposible a súa actividade”.
Reiterou a súa petición de que Feijóo “se poña á fronte das necesidades do país” e que “aparque unha carreira electoral que non existe, porque el é o único candidato no proceso”, para pasar a “priorizar o importante no país”.
Así o dixo logo dun encontro coa Federación Galega de Transporte de Mercadorías –Fegatramer-, para “compartir a súa situación e as súas inquedanzas e servir de correa de transmisión tanto co goberno da Xunta como do goberno do Estado para que adopten medidas o máis rápido posible”.
Sinalou que “non os podemos deixar de lado”, e amosouse “convencido de que o goberno de España non o vai facer, e a Xunta tampouco debera, en canto Feijóo se poña a elo”.
O líder socialista aludiu á batería de propostas dirixidas á Xunta de Galicia, como a bonificación das peaxes e dos prezos da ITV nun 50 por cento para a cidadanía e un 75 para os transportistas. Propuxo ademais outro tipo de axudas que contribúan a que un colectivo “que se demostrou fundamental durante a pandemia” poida superar esta situación xerada pola invasión de Ucraína por Rusia.