O líder dos socialistas galegos sinala que a designación “indica que Galicia conta nas decisións do goberno socialista” e que recoñece a “visión de futuro” do proxecto de Inés Rey para A Coruña
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificou hoxe de “magnífica nova” a designación da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artifical, como vén de decidir o Consello de Ministros. Subliñou que a decisión supón o recoñecemento tanto para A Coruña como para toda Galicia.
En primeiro lugar, apuntou que a decisión vén recoñecer a realidade da Coruña e a aposta por un modelo de cidade despregado dende o goberno de Inés Rey e unha traxectoria “iniciada con visión de futuro e unha aposta clara pola tecnoloxía da información, que está a marcar o futuro económico da sociedade en tódolos eidos”.
Sinalou que a decisión ademais “indica que Galicia conta nas decisións do goberno socialista” e ofrece un “recoñecemento” e unha “aposta clara” por esta Comunidade Autónoma. Saudou a designación de Galicia e A Coruña para acoller á sede descentralizada da Axencia polo seu carácter “estratéxico” na economía do futuro, unha nova pola que “os socialistas galegos estamos francamente contentos”.