O líder dos socialistas galegos mantén un encontro en Santiago coa nova directiva encabezada pola súa presidenta, María Paz Gutiérrez
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, salientou a necesidade de consolidar unha política pública de cooperación internacional comprometida e dotada de recursos necesarios. O responsable socialista mantivo hoxe un encontro na sede do PSdeG en Santiago coa nova directiva da coordinadora galega de ONGDs, encabezada pola súa presidenta, María Paz Gutiérrez.
Os socialistas galegos e a Coordinadora Galega de ONGDs coincidiron no balance da situación actual da cooperación, que require dunha nova forma de actuar no eido da cooperación para afrontar os desafíos que plantexa o novo panorama internacional e a chegada do discurso da extrema dereita da man do PP. Alertaron do impacto destas políticas para os dereitos humanos, a igualdade, o feminismo e o ecoloxismo.
As dúas directivas salientan a urxencia de incrementar o esforzo en cooperación dende o goberno galego dende o 0,06 por cento actual ata acadar o 0,2 por cento do PIB en 2026 e chegar así á media nacional, co obxectivo de acadar o 0,7 por cento en 2030.
Formoso propuxo deixar atrás a década de abandono das políticas en materia de cooperación da man dos gobernos do PP de Feijóo e Rueda para seguir o camiño marcado polo Estado, que vén de aprobar unha lei pioneira en materia de cooperación. Reivindicou un cambio de rumbo para poñer o foco na defensa dos dereitos humanos e a xustiza global tamén cun enfoque feminista.
Diante da petición da coordinadora dunha maior implicación das entidades locais, o responsable dos socialistas galegos concordou na necesidade de solicitar unha xuntanza coa nova directiva da Fegamp unha vez que estea constituída.
A xuntanza de hoxe contou coa participación do director da Axencia Española para a de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e secretario da Galeguidade do PSdeG, Antón Leis, e da secretaria de Relacións co Asociacionismo da Executiva socialista, Mila Castro, así como a portavoz de Cooperación do Grupo Parlamentario dos Socialistas na Cámara Autonómica, Paloma Castro.