O secretario xeral do PSdeG destaca no mitin central da campaña local que os socialistas personifican o “marco de seguridade e estabilidade” para as familias con políticas de progreso
Besteiro reivindica a Formoso como o alcalde que, lonxe de conformarse, “arremangouse e soubo ler o futuro das Pontes” para atraer novos proxectos industriais e xerar emprego na vila
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou este xoves a todos e todas as progresistas de Galicia a que acudan a votar xa que entende que “non nos podemos permitir dar un paso atrás nos avances sociais” que lograron os goberno socialistas dende os concellos. Dixo estas palabras no mitin central da campaña que tivo lugar no cine Alovi das Pontes.
O número un dos socialistas galegos estivo acompañado por José Ramón Gómez Besteiro no principal acto da campaña local que está a desenvolver tamén no concello das Pontes, onde se presenta para revalidar a alcaldía que rexenta cunha ampla maioría.
Formoso dirixiuse a toda a poboación galega que está chamada ás urnas este domingo para que acudan a votar e “non teñan que arrepentirse” o luns ou durante os seguintes catro anos “cos pasos atrás de todo o que levamos conseguido en dereitos e en transformación das vilas e cidades”.
Sostivo que os socialistas teñen unha bagaxe de “garantir as pensións públicas, xestionar os fondos europeos, defender a sanidade e a educación pública e de calidade ou dinamizar economicamente os concellos” que son os principais argumentos para que a cidadanía opte por un alcalde ou alcaldesa do PSdeG este domingo. Pediu o voto para as listas socialistas para “non ceder” en todos estes ámbitos e non volver “ao desgoberno ou á corrupción”.
En clave local, o tamén aspirante a revalidar a alcaldía defendeu que se presenta debido ao seu “compromiso persoal para liderar a revolución industrial que xa se está acometendo nas Pontes”, así como “para asentar a vila como o principal enclave industrial de Galicia”. Tentará repetir como alcalde para tutelar a incorporación de “sectores estratéxicos novedosos” na vila, como o forestal, o do almacenamento enerxético ou o da xeración de combustibles sen emisións.
Subliñou que deste xeito busca tamén dar “soporte industrial con proxecto que non só son importantes para As Pontes, senón para todo o país”, xa que considera que nos vindeiros anos crearanse postos de traballo industriais moi necesarios na actual conxuntura do mercado laboral galego.
“O TEU VOTO IMPORTA”
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro destacou a Formoso como “un alcalde que, logo do peche anunciado sa central térmica, soubo ler o futuro das Pontes” e que “soubo interpretar moi ben as oportunidades que se abren para o seu concello da man da política de transición enerxética e dos fondos europeos”. Do seu compañeiro e secretario xeral resaltou a súa capacidade de loita pola cal “lonxe de conformarse, Valentín arremangouse para atraer novos proxectos industria que xeren emprego na vila”, alegou.
Quixo facer tamén un chamamento ao voto deste domingo na penúltima xornada da campaña. Besteiro advertiu “que ninguén pense que o seu voto non importa, o teu voto importa”, alegou. “As vivendas sociais constrúense nas urnas, a sanidade pública deféndese nas urnas, os dereitos das mariscadores deféndense nas urnas, en definitiva, os teus dereitos deféndense nas urnas”, engadiu. Finalizou pedindo aos indecisos “que non se queden na casa nin voten coas tripas, que voten coa cabeza e voten o que defenden”.