O líder dos socialistas galegos participa na concentración do Día das Letras Galegas, onde lembra a asistencia de Rueda á manifestación contra o galego
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou hoxe a utilizar as eleccións do 28M como “plataforma política” para rectificar a “deriva de minguar a cultura e a lingua galegas” iniciada polo PP dende a súa chegada á Xunta. O responsable socialista encabezou a representación socialista na concentración do Día das Letras Galegas convocada en Santiago.
Formoso chamou a protexer á lingua e á cultura galegas fronte á acción do goberno galego, presidido por un Alfonso Rueda que, lembrou, representaba ao PP galego na concentración convocada en 2009 por Galicia Bilingüe precisamente en contra da promoción do galego.
Emprazou a empregar precisamente as eleccións municipais do 28M como “plataforma política para empezar a mudar esa forma de entender á lingua” que representa o PP e así “cambiar a protección da lingua e promocionala en cada recuncho das nosas vidas”. Presentou ao PSdeG como a opción política “capaz de conciliar a construción económica, urbanística e de sostibilidade coa promoción da lingua”.
Os socialistas galegos son capaces de “vehicular a forza e ilusión” na “nosa cultura e identidade: na lingua galega”, remachou con motivo da súa participación nun “día de celebración do orgullo na identidade propia dunha lingua que nos da carácter propio como pobo”.
Ramón Piñeiro
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, tamén participou na manifestación, onde reivindicou o papel dos socialistas galegos como impulsores da Lei de Normalización Lingüística nos anos 80 e que aínda hoxe está en vigor. Daquela foi da man, lembrou, do galeguista Ramón Piñeiro, que liderou a elaboración desa norma como deputado do PSdeG.
Reivindicou a defensa dun galego “no que todo o mundo ten un papel, no que tódolos galegos e galegas estean cómodos, sen propostas excluíntes”. O tamén coordinador da campaña electoral do PSdeG reivindicou a proposta alternativa e solvente dos candidatos e candidatas socialistas nas eleccións municipais fronte a un PP “no epílogo, carente de proxecto, de solucións e alternativas” e que “agocha aos seus candidatos”.