O secretario xeral do PSdeG subliña que “tocamos cos dedos” un fin de ciclo do PP en Galicia logo de 14 anos de Feijóo e Rueda nos que levaron a Galicia a rexistrar “os peores indicadores socioeconómicos e demográficos do Estado”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que a candidatura de Besteiro á presidencia da Xunta abre a posibilidade de cambio en Galicia. O responsable socialista desmentiu hoxe a existencia de conversas con Sumar para unha candidatura conxunta co PSdeG.
Formoso considerou “normal” a existencia de “este tipo de especulacións” que afectan a dous partidos cunha coalición de progreso que “funciona eficientemente no Estado” e logo de que a candidatura de Besteiro abrira a posibilidade dun novo ciclo de goberno socialista en Galicia.
Sinalou que “tocamos cos dedos un fin de ciclo do PP en Galicia” logo de que os gobernos de Rueda e Feijóo levaran a Galicia a rexistrar “os peores indicadores socioeconómicos e demográficos do Estado”.
Sobre as publicacións dos medios de comunicación respecto dun posible entendemento con Sumar de cara ás próximas autonómicas, dixo que “non hai ningún tipo de conversa con Sumar para concorrer conxuntamente ás eleccións”. Así o dixo logo de reafirmar que “quen define as estratexias electorais, as coalicións e conversas con terceiras formacións políticas” de cara aos próximos comicios “é o PSdeG”.