O líder dos socialistas galegos sinala que Galicia “fixo máis amarga a noite de Feijóo” e engadiu que “non vai haber presidente do goberno da dereita e ultradereita”
O secretario xeral o PSdeG, Valentín González Formoso, salientou hoxe que os socialistas galegos sumaron medio millón de votos nestas eleccións xerais, superando o rexistro de 2019. Así o dixo nunha valoración da convocatoria electoral xunto con candidatos ás eleccións xerais e integrantes da executiva autonómica, na que subliñou que a esquerda suma máis votos que o PP.
O líder dos socialistas galegos apuntou á “lectura contundente” das eleccións xerais en Galicia, onde “hai máis galegos e galegas que rexeitan que Feijóo sexa presidente”, o que “fai máis amarga se cabe a noite” para o candidato popular. Unha noite, dixo, que será “probablemente a peor da súa vida” porque “a mobilización da sociedade de progreso impediu que haxa un presidente dun goberno de dereita e ultradereita”.
Resaltou que un 51 por cento dos galegos e galegas “dixeron non a Feijóo como presidente do goberno”, e súmase ao resultado electoral das pasadas eleccións municipais, onde a esquerda tamén sumou máis porcentaxe de voto que o PP en Galicia. Agradeceu así a participación da sociedade galega “de maneira exemplar” e que permitiu “celebrar que a ultradereita non entre no goberno de España”.
Valentín González Formoso salientou que “a sociedade fixo historia nun momento moi crítico” cunha participación un 4 por cento superior á das anteriores eleccións xerais, que permitiu superar ás enquisas que vaticinaban unha maioría da dereita e a ultradereita,
O resultado electoral, engadiu, validou ademais o chamamento ao voto útil no que os socialistas galegos centraron a campaña electoral, sinaladamente nas provincias máis pequenas, onde os votos a outras forzas de esquerda “non serviron para aumentar os escanos progresistas”.