O secretario xeral do PSdeG busca “dedicarlle tempo aos amigos e á familia” un día antes da cita electoral
27 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aproveitou este sábado a xornada previa á cita electoral para dar un paseo en bicicleta polas inmediacións do Lago das Pontes e ten previsto acudir pola tarde ao derbi entre o Racing de Ferrol e o Celta B no estadio da Malata.
O tamén candidato á reelección como alcalde das Pontes ofreceu unhas breves declaracións aos medios antes de iniciar a ruta en bicicleta coa que comezou a xornada de reflexión. Despois de días “percorrendo as grandes e pequenas vilas do país”, considera que toca “descansar” e “dedicarlle tempo á familia”, e aos amigos cos que despois da ruta irá a “tomar unha caña”, asegurou.
Afronta así o número un dos socialistas galegos a xornada previa ao día clave onde tratarán de aumentar as 109 alcaldías que ten o PSdeG por toda Galicia, incluíndo ás principais cidades nas que teñen un gran resultado ata o de agora, xa que actualmente lideran o goberno en cinco das sete, e cogobernan tamén en Pontevedra.
Xa o domingo, Formoso exercerá o seu dereito ao voto no CEIP A Magdalena das Pontes arredor das 12.00 horas.