Esíxelle ao presidente da Xunta que recupere a institucionalidade e reciba ao líder do PSdeG, que goberna nas principais cidades, 111 alcaldías e 3 de 4 deputacións, tal e como onte foi recibido por Pedro Sánchez
Urxe a resolver o relevo na Xunta “o máis rápido posible” porque “a estabilidade política e económica de Galicia non pode depender dunha sucesión política”
A Coruña, 08 de abril de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, trasladou hoxe dende A Coruña a “preocupación” dos socialistas galegos pola “deriva” de Feijóo na súa relación con Vox. Advertiulle que debe optar entre un partido “institucional, de acordos e moderación” ou “o partido que segue a gobernar con Vox, e apoiando os postulados da estrema dereita”.
Explicou que “por desgraza esta semana vimos no Senado como, xa con Feijóo como líder do seu partido, aprobaba co voto en contra de PP e Vox unha norma que prohibe o acoso ás mulleres que deciden aplicar o dereito á interrupción do embarazo”.
Un Feijóo que onte acudía á cita co presidente do goberno, que deu mostra dunha institucionalidade que “en Galicia non se mantén”. Aludiu a que Feijóo segue sen dar conta da petición de encontro con Formoso meses despois de que fora designado secretario xeral, demostrando unha “diferenza de trato e unha institucionalidade que nunca se debera de perder, e que marca o estilo dun presidente”.
Lamentou que “non somos quen” de que o presidente da Xunta responda da petición de reunión institucional. Lembrou que o líder dos socialistas galegos representa a un partido que goberna as cidades de A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo, ata 111 alcaldías de Galicia, que conta con 1.000 concelleiros e concelleiras e goberna en 3 das 4 Deputacións provinciais.
Sucesión no PP
Valentín González Formoso urxiu ao actual presidente da Xunta a resolver a súa sucesión no Goberno galego “o máis rápido posible” porque, explicou, “entendemos que a estabilidade de Galicia non pode estar dependendo dunha sucesión política nun momento tan crítico para a sociedade e a economía como no que estamos”.
Lembrou que, como consecuencia desta parálise, o goberno galego continúa sen publicar no DOG as medidas anunciadas polo presidente da Xunta no Parlamento de Galicia para afrontar a situación derivada da guerra de Ucraína, que agravou as consecuencias da pandemia.
O responsable socialista lamentou que “polo momento, nin os pescadores, nin os agricultores, nin os gandeiros nin os traballadores son beneficiarios de ningunha das medidas anunciadas pola Xunta”.
Dedazo
En resposta ás preguntas dos xornalistas, Formoso defendeu a fórmula das primarias e da democracia interna que exercen os socialistas galegos, “onde a militancia pode libremente escoller os seus liderados” fronte á “fórmula anacrónica dun dedazo dun presidente que se vai para deixar un presidente que se queda”, que está a exercer o PP.