O líder dos socialistas galegos enmarca as palabras do ex presidente da Xunta na “liña política de seguidismo permanente a Ayuso”, que “atacou claramente” a designación da cidade galega
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou hoxe que o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, veña de poñer en dúbida o procedemento de adxudicación a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial -AESIA- á cidade da Coruña.
O responsable socialista lamentou que “só cabe enmarcar as palabras de Feijóo na liña política de seguidismo permanente a Ayuso”. Lembra que a presidenta da Comunidade de Madrid vén de “atacar claramente” a decisión do goberno de España de adxudicar a AESIA á Coruña, que “beneficia a Galicia”.
Subliñou que “non entendemos como un ex presidente de Galicia poida poñer en dúbida” a designación, que supón situar a Galicia “como referencia da Intelixencia Artificial tanto no ámbito nacional como europeo”. Lamentou que Feijóo se sitúe en contra dunha medida que supón “un momento de ledicia e de orgullo” para tódolos galegos e galegas.
Formoso apunta que o ex presidente “debera saber que a cidade leva tempo apostando por un entorno e un ecosistema tanto empresarial como universitario vencellado á Intelixencia Artificial”, en referencia a proxectos estratéxicos como a Cidade das TIC. Esta aposta, puntualiza, xera a día de hoxe “miles de empregos” tanto na cidade como no seu entorno.