O secretario xeral do PSdeG insiste na necesidade de que a Xunta se sente a falar para priorizar os orzamentos e igualar o investimento galego en sanidade ao resto de territorios de España
O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, advertiu hoxe de que Galicia atravesa unha situación de alerta sanitaria ante a que a Xunta debe actuar de contado tomando medidas como o incremento de investimento e de persoal, tal e como leva reclamando o PSdeG dende hai meses.
Por iso, insistiu na necesidade de que o goberno galego se sente a falar para “priorizar os orzamentos” de modo que se “iguale o investimento en atención primaria e hospitalaria” ao resto dos territorios de España. “É unha esixencia que ten máis xustificación que nunca”, sentenciou, logo de lembrar da cascada de dimisións dos xefes de medicina interna, “unha parte neurálxica dos sistema sanitario”, en diferentes hospitais galegos, a última delas onte mesmo no CHUS.
Valentín González Formoso engadiu a esta circunstancia a advertencia que fai a propia Valedora do Pobo, quen -en consonancia coa análise que está a facer o PSdeG- incide en que se precisan máis recursos e reforzo de profesionais para facer fronte ao “colapso sanitario” que padece Galicia. Neste escenario, e cando o país se “está enchendo de manifestacións polos catro puntos cardinais”, o líder dos socialistas galegos incidiu na urxencia de que o goberno galego recoñeza esta “situación crítica” e que, tal e como xa admite o presidente da Xunta, se vai “tensionar profundamente durante o verán”.
“Xa estamos no verán”, lembrou Formoso, “e polo tanto vai haber máis problemas de cobertura de prazas por quenda tanto no eido hospitalario, principalmente, como na atención primaria”. Fronte a esta situación, o secretario xeral do PSdeG recordou que “todos os colectivos médicos e sanitarios están pedir que as medidas non sexan parches”, como o ofrecemento de pluses para aqueles facultativos que se cubran voluntariamente vacacións dos seus compañeiros. Isto so “permite dar resposta a unha necesidade para destapar outra”.
Nesta liña, reivindicou que a Xunta se sente a falar coas forzas políticas galegas e que escoite aos expertos para que teña claro que “sen amentar os recursos económicos que se dedican ao sistema sanitario galego é imposible que vexamos resultados a curto prazo”. So iso, afirmou, propiciará que se acade “unha calidade asistencial mínima en Galicia”.