O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe a “defensa do feminismo sen reservas nin adxectivos, centrado na defensa dos dereitos das mulleres e no avance da igualdade efectiva”. Así o dixo na concentración convocada en Santiago con motivo do Día Internacional da Muller.
O portavoz do Grupo Parlamentario amosou o respaldo dos socialistas galegos tamén a esta xornada de folga das mulleres “dirixida este ano a reivindicar o dereito das mulleres a dispoñer do seu corpo, á eliminación da fenda salarial cos homes e para que poidan vivir a súa vida plenamente sen temor a ser agredidas”.
Fernández Leiceaga interveu nesta concentración, só unha das múltiples convocatorias en toda Galicia nas que participaron as deputadas e os deputados do Grupo Socialista, que pola asistirán á manifestación convocada na Praza do 8 de Marzo, en Santiago de Compostela.
Previamente, as deputadas socialistas renunciaran a asistir ás Comisións de Economía e de Pesca e Marisqueo convocadas para hoxe no Parlamento de Galicia, como mostra de apoio á folga de mulleres que se celebra hoxe. A súa ausencia fixo que as Comisións non puideran ser constituídas por falla de quórum –número mínimo de integrantes do órgano-.