O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anticipou hoxe unha “nova década con outros valores” diferentes do “proxecto esgotado” de Feijóo. O responsable socialista interveu na defensa das propostas de Resolución presentadas no debate do Estado da Autonomía coas que os socialistas debullan a alternativa progresista ao proxecto “baleiro” do PP.
O responsable socialista comezou criticando que o presidente da Xunta utilizara a súa intervención no debate como “primeiro acto dunha longa campaña electoral” ata as eleccións xerais do 10N, e que levará, despois, ás eleccións autonómicas previstas para 2020. Dixo que o próximo ano dará comezo así unha “década de cambio” en Galicia grazas ao pulo dos socialistas galegos, e onde o proxecto do PP “non vai ter a presenza que ten”.
Criticou que o líder do PP teña fixado o punto de mira xa no 2030 precisamente para desviar a atención do balance da súa xestión, preocupado unicamente da “retórica como forma de ocultación”. Sinalou así que a pesares de xestionar máis de 100.000 millóns de euros en dez anos, fracasou á hora de frear a regresión demográfica, no impulso do emprego e na defensa dos servizos sociais.
Fernández Leiceaga censurou a proposta do PP contra a violencia de xénero, na que os socialistas galegos se abstiveron porque “sitúa no mesmo plano ás organizacións feministas e a Vox”, o que cualificou de “absolutamente inaceptable”. Criticou que o portavoz do PP pedira que “as mulleres feministas do PP poidan ir ás manifestacións”, e logo de apuntar que “os homes socialistas tamén vamos”, advertiu que están recoñecendo que “hai mulleres do PP que non son feministas”.
Lembrou ademais que “o feminismo contribúe a reducir o problema demográfico de Galicia”, e defendeu maior apoio á conciliación das familias dende os servizos públicos, lembrando que “as mulleres que traballan teñen máis fillos”. reivindicou unha verdadeira política de fomento da natalidade cunha “aproximación máis social” das propostas de Feijóo, levando a escolarización de 0 a 3 anos gradualmente ata a gratuidade comezando polas familias que máis o necesiten.
Acusou a Feijóo de ter feito “tabula rasa” da Lei de Recuperación Demográfica, que presentou ata que chegou ao debate do Estado da Autonomía “sacando un novo coello da chisteira” para facer desaparecer a súa proposta anterior.
Presentou así unha proposta integral para a recuperación da natalidade que conxugue conciliación, impulso ao emprego “ao tempo que avanzamos en termos de produtividade”, retorno de emigrantes ou de equilibro territorial, logo de levar dez anos con “cada vez menos nacementos que falecementos”.
Leiceaga criticou neste sentido as “consecuencias políticas” do pacto do PP coa ultradereita “único en Europa”, en alusión ao xiro centralista tamén do PP galego logo dos acordos de Pablo Casado e Santiago Abascal. Criticou que o presidente da Xunta cambiara o seu voto para frear o impulso do autogoberno porque, sinalou, “os votos de Vox en Galicia están no PP, como ten dito o propio Feijóo”.
Estado do Benestar
Fernández Leiceaga presentou ademais unha serie de propostas para reforzar os piares do Estado do Benestar logo de 10 anos de recortes da man do PP, pasando pola mellora das condicións laborais dos profesionais da sanidade pública, modernizando o sistema, e reforzando o ensino público, e garantindo o cumprimento das previsións e prazos das residencias de maiores.
Aludiu ao anuncio da Fundación de Amancio Ortega de facer as sete residencias anunciadas por Feijóo para as sete cidades galegas, e sinalou que os socialistas galegos “non temos dificultade” en aceptar o financiamento destas infraestruturas, pero reclamou “garantir a licitación antes do remate da Lexislatura”. Advertiu que “seguro que agora van desaparecer os problemas urbanísticos creados pola Xunta para ter un pretexto” para evitar facer as residencias.
Ademais, sobre as demandas de financiamento ao Estado, os socialistas reclamaron “resolver as entregas a conta e a mensualidade do IVE” que garantan “os recursos que Galicia necesita” pero, advertiu, deben entregarse “de acordo co marco legal e con todas as garantías”.
O portavoz socialista acusou ao PP de “prescindir” da legalidade e reclamou unha “demanda unánime” para recuperar de novo as demandas de autogoberno aprobadas en 2005 e no debate do ano pasado, que sen embargo foron rexeitadas agora polo PP.
Propostas aceptadas
Fernández Leiceaga advertiu que os socialistas tomaron parte en 2 de cada 3 das 30 propostas transaccionadas no debate de hoxe, no que o PP tan só apoiou catro das iniciativas presentadas por este grupo. Así, foron aprobadas as propostas socialistas para garantir a complementariedade da universidade privada, apoiar á pesca fronte aos efectos do brexit, a mellora das infraestruturas deportivas, e o reforzo da mobilización de terras.
Ademais, no debate de hoxe foron aprobadas outras sete iniciativas dos outros grupos a raíz dunha transacción proposta polo Grupo Socialista, que acordou co PP iniciativas sobre a Axenda Social Única, impulso fiscal ao rural, xustiza, pesca, prevención de incendios ou retorno de emigrantes de Venezuela. Tamén foi aprobada unha transacción proposta polo Grupo Socialista ao Grupo Mixto para reclamar un Plan de Mobilidade Sostible.
Texto das propostas de resolución do Grupo Socialista aprobadas hoxe:
-Resolución 5 (transaccionada)
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a garantir que calquera incorporación de novas universidades ao Sistema Universitario de Galicia evite efectos negativos ás existentes e produza complementariedade e non reiteración coa oferta de titulacións das mesmas”.
-Resolución 29 (transaccionada)
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar apoiando os traballos da mesa de política pesqueira ante o Brexit constituída en Galicia, con participación de todos os axentes implicados co obxecto de analizar e facer fronte ás consecuencias derivadas para este sector do Brexit, especialmente en termos operativos e loxísticos, así como a apoiar a demanda recollida no ditame que o Comité das Rexións aprobou aprobou de forma unánime a proposta de Galicia para que a UE habilite, de ser preciso, un fondo específico de axudas urxentes con dotación orzamentaria suficiente para paliar os efectos do Brexit sobre a economía do sector marítimo – pesqueiro e da cadea mar – industria das rexións europeas, especialmente de Galicia”.
-Resolución 31 (transaccionada)
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a, en coordinación coas Deputacións Provinciais e os concellos de Galicia, continuar traballando na creación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia e a formulación do Plan Xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia para que sexa aprobado canto antes”.
-Resolución 33 (transaccionada)
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar, cun substancial aumento de persoal e medios a reflectir de xeito concreto nos orzamentos de 2020, os instrumentos autonómicos para a mobilización de terras, incluíndo a intermediación para a compravenda de explotacións enteiras, que poida actuar para a mobilización produtiva dos montes veciñais en man común abandonados (sempre co beneplácito das/os comuneiros/as titulares), que contemple o apoio específico a aqueles proxectos solventes que necesitan terras e non as teñan e que poda xestionar fincas privadas abandonadas”.