O cabeza de lista pola provincia de A Coruña e vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, acusou hoxe ao presidente da Xunta e ao ex presidente Rajoy de “non ter feito absolutamente nada” nos últimos 10 anos para impulsar o saneamento da Ría do Burgo. Así o dixo nunha rolda de prensa en A Coruña na que sinalou que “este vai ser o Goberno que leve adiante o saneamento” da Ría.
Arangüena afeoulle a Feijóo que “non teña posto nin vaia poñer un céntimo de euro para sanear a Ría do Burgo, cando ten tódalas competencias –como marisqueo e acuicultura- agás a loita contra a contaminación, compartida co Estado”. Denunciou que se permita facerlle “reproches” ao Estado logo de rexeitar os orzamentos de 2019 que incluían o sanemanento con 8 millóns para 2019 e 15 para 2020.
Explicou que a licitación do proxecto de saneamento comezará “tan pronto reciba o informe que ten que emitir a Xunta, e agardamos que nos próximos meses poidan comezar os traballos”. Subliñou que esta actuación “amosa o compromiso do goberno progresista co medio ambiente e tamén co emprego e coa xeración de riqueza”, permitindo aumentar a produción marisqueira e xerar riqueza e economía sostible.
Así o dixo nunha rolda de prensa na que tamén participaron o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, a deputada e candidata Begoña Rodríguez Rumbo, a secretaria xeral da agrupación socialista coruñesa e concelleira, Eva Martínez Arcón, a portavoz do PSdeG de Cambre, Lúa Sanguiñedo, e o candidato número 19 por A Coruña, Rubén García.
Fábrica de armas
O responsable socialista denunciou que o presidente da Xunta permitira que o goberno de Mariano Rajoy tivera paralizado durante catro anos o proxecto da Fábrica de Armas, incumprindo flagrantemente as condicións da concesión, a pesar das denuncias dos antigos traballadores ante o Ministerio de Defensa.
Puntualizou que “tivo que vir un goberno progresista, e o Ministerio de Defensa dirixido por Margarita Robles, co impulso do PSdeG a través do deputado Ricardo García Mira, para rescindir a concesión a Hércules de Armamento”. Deron pé a un proxecto “que vai mover a economía coruñesa cara ao futuro”, e no que “a participación da Xunta foi cero, que agora pinta nos orzamentos unha partida que veremos se executa”.
Censurou que “para Feijóo A Coruña non existiu nestes 4 anos, e apenas nos 11 que leva no goberno” cun compromiso investidor “inexistente”, sen “ningún investimento minimamente significativo da Xunta na cidade na última Lexislatura, se exceptuamos unha pasarela peatonal que custou 2,5 millóns de euros e foi inaugurada a bombo e platillo polo presidente da Xunta”.
Comprometeuse a “traballar man a man coa alcaldesa de A Coruña, a socialista Inés Rey, e os concellos da área metropolitana para mellorar a sanidade, o emprego e a educación”.
Manifestación feminismo
Arangüena fixo finalmente unha valoración da manifestación de onte en A Coruña, na que participou xunto co candidato socialista, Gonzalo Caballero, a alcaldesa da cidade Inés Rey, ademais da candidata Begoña Rodríguez Rumbo, a responsable do PSdeG, Eva Martínez Arcón, xunto con outras 13.000 persoas que se achegaron ás rúas de A Coruña para reivindicar a igualdade e o feminismo.
Lembrou que “hai un ano o presidente da Xunta evitaba declararse feminista porque non tiña claro o alcance do concepto”. Criticou que Feijóo teña “principios como os de Groucho Marx”, quen dicía que se non che gustan teño outros, xa que agora quere que o feminismo inspire a próxima década, o que “así será, se non está el”, remachou.