Elena Espinosa acusa ao goberno galego de entorpecer a Comisión de Investigación entregando a información hora e media antes do seu inicio
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle hoxe a Feijóo e Rueda que asuman responsabilidades políticas por “dilapidar” 470 millóns de euros de sobrecuste no proxecto do Hospital Álvaro Cunqueiro. Espinosa interveu na primeira sesión da Comisión de Investigación do Parlamento constituída logo de coñecer o informe do Consello de Contas revelando as irregularidades na construción desta infraestrutura.
A responsable socialista esixiulle ao ex presidente da Xunta e ao seu sucesor que dean “respostas claras e coherentes” logo de mudar o proxecto orixinal elaborado polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño por un centro “máis pequeno e moito máis caro” para beneficiar a un fondo de investimento estranxeiro. Criticou a súa “ansia de privatizar” e lembrou que “a sanidade ten como obxectivo curar á xente, e nunca debe ser un negocio substancioso para o sector privado”.
Criticou que o PP teña “agochado” ao ex presidente galego “nunha urna de cristal, na burbulla para que nada lle salpique” evitando que explique “por que elixiron un modelo en beneficio duns poucos e en contra de tódolos galegos e galegas”. Aludiu á decisión de Feijóo de mudar o contrato orixinal para licitar a contratación da obra e os servizos a un operador privado “puro e duro”, incrementando ademais o custe en 470.469.422 euros.
Esixiulle ao goberno galego que responda das irregularidades reveladas polo informe “absolutamente demoledor” do Consello de Contas, que ademais do sobrecuste evidenciou que escolleron esta modalidade de contratación sen unha análise comparativa previa, modificando a superficie útil e os prazos da concesión sen xustificar.
Ademais, as licitacións foron realizadas con “opacidade”, afectando ao principio de concorrencia competitiva e con retrasos inxustificables, ademais de que ampliaron de forma ilegal o contrato ao Hospital Meixoeiro e ao Nicolás Peña, nos que non se realizaron actividades construtivas.
Espinosa interveu na comparecencia da ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, e lembrou que o propio Consello de Contas no seu informe de fiscalización evitara valorar as alegacións sobre as deficiencias e irregularidades porque “non rebaten o contido do informe” e consisten en “meras explicacións ou xustificacións”.
Entorpecer o traballo da Comisión
A responsable socialista acusou ao PP e ao goberno galego de “entorpecer” o traballo da Comisión dende o primeiro momento, impoñendo o regulamento de funcionamento e vetando a lista de comparecentes presentada polos socialistas galegos e, agora, cando a Xunta remite a documentación ao Parlamento con apenas hora e media de marxe antes de iniciar a sesión.
Criticou que teñan declarado a urxencia para “quitala moi pronto de enriba, e se pode coincidir coas badaladas de fin de ano mellor, que a xente está de celebración e non se decata”. Criticou a xestión da “pantomima e hipocrisía” do PP polo seu “medo e temor ao que poida saír á luz”, mentres xestionan a Comisión “sen o máis mínimo rigor”, convocando aos comparecentes sen tempo e “adoptando un día unha decisión que teñen que revocar ao día seguinte”.