O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter reducido ao mínimo as políticas de vivenda pública nos últimos catro anos, nos que ademais deixou sen executar 100 millóns de euros. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que lle preguntou en ton irónico se “vai buscar vivenda en Madrid” para relevar ao líder do PP logo das eleccións xerais do domingo.
O portavoz socialista lembroulle ao presidente da Xunta que Galicia ostenta competencia exclusiva en materia de vivenda, fixada no propio Estatuto de Autonomía. Isto non evitou que as previsións de gasto en vivenda pública pasaran dos máis de 200 millóns de euros de 2009 -co goberno presidido polo socialista Pérez Touriño- aos 68 millóns aos que se viron reducidos nos últimos catro anos “de recuperación económica”.
Fernández Leiceaga sinalou o Programa de Acceso á Vivenda, que quedou reducido a “menos dunha sexta parte”, dende os 108 aos 17,5 millóns de euros, mentres o balance “real” resulta, dixo, “dramaticamente pobre”.
Contrastou os datos de vivendas protexidas iniciadas en 2009, cando se situaban por enriba das 2.000 anuais, coas apenas 9 iniciadas en 2016/2017, e apenas se cualificaron 16 vivendas protexidas en todo tipo de réximes, apenas o 0,17 por cento das 9.132 de todo o Estado. No programa de Axuda ao aluguer de mozos e persoas necesitadas, en 2018 só executaron 700.000 euros dun programa de 3,7 millóns, co que só axudaron a 350 persoas das 4.000 que o solicitaran.
Este é o resultado do nulo interese pola vivenda pública do goberno galego, que incumpriu a Proposta de Resolución do Grupo Socialista aprobada no último Pleno do Parlamento para duplicar o parque de vivenda en cinco anos, sinaladamente en aluguer. Isto suporía poñer 600 vivendas ao ano cun investimento de 60 millóns por exercicio, pero Feijóo só gastou 1,3 dos 7 millóns de euros do orzamento.
Esixiulle a Feijóo que cumpra cos compromisos adquiridos, o que suporía “multiplicar por 8 os recursos dispoñibles e por 43 o gasto efectivo”. Alertou de que a política de abandono dos incentivos á construción de vivenda protexida e a parálise da promoción de vivendas provoca a suba dos alugueres e dificulta o acceso á vivenda, incrementando a presión económica sobre as familias con menos recursos.
Viaxe a Madrid
O portavoz socialista aludiu ás eleccións xerais do pasado domingo, que farán, dixo en ton irónico, que “hoxe a política de vivenda non sexa noticia, salvo que –Feijóo- nos diga que está buscando vivenda en Madrid, iso si que sería noticia”. Aludiu así á caída electoral do PP e ás voces dentro daquel partido que sitúan a Feijóo como relevo ao seu actual líder, Pablo Casado.
Fernández Leiceaga agradeceu ademais os parabéns do presidente da Xunta en nome do Grupo Popular logo de que os socialistas gañaran as eleccións xerais tamén en Galicia, unha reacción, dixo, “normal nunha situación democrática consolidada”, que “pasa pola cordialidade e o respecto polos demais”.
O responsable socialista estendeu o agradecemento “sobre todo aos cidadáns que deron mostra de cordura e sensibilización diante dos riscos dunha democracia como a nosa” conxuradas nas eleccións xerais do pasado domingo.