O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe ao presidente do PP que “rectifique” as “bravuconadas” de Telmo Martín sobre a sanidade galega. O responsable socialista afeoulle ao alcalde de Sanxenxo que cualificara hoxe como populistas de merda (sic) a aqueles críticos coa xestión da sanidade pública.
Puntualizou que “populista –sen engadir os lamentables adxectivos incluídos polo alcalde de Sanxenxo-, é un partido que di defender á sanidade pública, pero que despois non destina un só euro dos orzamentos a investir nela, como por exemplo fai a Xunta de Galicia co Concello de Telmo Martín e a comarca na que se atopa”.
Torrado sinalou que “o desnorte do PP é abafante e a súa perda de papeis é insoportable”, antes de criticar que cargos relevantes daquel partido como é o caso de Martín “teñan que recorrer a exabruptos como un intento desesperado de desviar a atención do deterioro da sanidade pública logo de 10 anos de recortes por parte do goberno galego”.
Advertiu que “persoeiros como Telmo Martín son os que denigran a política”, e preguntou “que lle sucede ao PP do Salnés”, que “acolle persoeiros tan salientables –ironizou- como o actual alcalde de Sanxenxo ou o rexedor de Vilanova de Arousa”. Lembrou que o propio Gonzalo Durán foi quen, antes de denigrar ás mulleres nas súas declaracións contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, acusara aos médicos de provocar listas de espera por ser vagos.