O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, aproveitará a primeira sesión de control do curso parlamentario para presentarlle a Feijóo o déficit de prazas residenciais en Galicia. Así o explicou logo da Xunta de Portavoces na que os grupos fixaron a orde do día do Pleno da próxima semana no que os socialistas preguntarán pola falla de persoal no PAC de A Estrada, que levou ao falecemento dun paciente desatendido o pasado 4 de agosto.
Fernández Leiceaga presentará diante do presidente da Xunta o último informe do Consello de Contas, que substancia “con detalle” o “déficit de prazas residenciais”, sinaladamente de xestión pública directa. O ente fiscalizador alerta do abuso do modelo de concerto con empresas privadas para prestar este servizo, unha serie de decisións do goberno galego que provocan agardas desmedidas en Galicia.
O Pleno incluirá ademais unha proposición non de Lei para propoñerlle medidas concretas á Xunta de Galicia co obxectivo de paliar o déficit de prazas públicas en residencias para persoas maiores que garantan unha atención axeitada.
Os socialistas galegos tamén apuntarán á situación da sanidade pública galega, explicou antes de lamentar o veto do PP á comparecencia do conselleiro titular desta área para dar conta da situación que derivou ao falecemento dun paciente ás portas do PAC de A Estrada o pasado 4 de setembro. Os socialistas presentarán unha pregunta para que o conselleiro dea os argumentos para limitar o persoal sanitario no concello.
A situación da sanidade pública centrará tamén o debate da única moción que defenderán os socialistas no próximo Pleno, na que sinalarán á falla de facultativos pediatras en Galicia e reclamarán o aumento de prazas MIR e un plan urxente para captar profesionais.
Ademais, Fernández Leiceaga anunciou unha proposición non de Lei na que os socialistas reclamaranlle á Xunta que aplique as propostas do informe do Defensor del Pueblo sobre a atención ás persoas con enfermidade mental. Cualificou de “estremecedor” un informe que apunta ao Hospital de Conxo como o único do Estado con hospitalizacións de pacientes durante décadas sen revisións que permitan actualizar a súa situación.
Clientelismo
O portavoz socialista denunciou o “clientelismo clarísimo” do goberno galego co obxecto de beneficiar aos concellos afíns a través dos mecanismos de financiamento excepcional. O Grupo socialista levará unha interpelación ao goberno galego sobre a utilización destas axudas para beneficiar a unhas entidades locais determinadas de cara aos próximos comicios.
Fernández Leiceaga apuntou á convocatoria de axudas medioambientais primando aos primeiros na lista de solicitantes, o que provoca que “aqueles que son advertidos con antelación chegan primeiro e esgotan as subvencións.
O portavoz socialista denunciou neste sentido o uso do goberno galego como plataforma electoral e reclamou a remodelación “cando antes” para propiciar a saída dos conselleiros que se van presentar como candidatos e “distinguir así con claridade as súas actuacións como conselleiros e como candidatos”.
Censurou ademais a “sobreactuación” do PP con relación ao Porto Exterior de A Coruña ten “moito que ver” coa designación da conselleira Beatriz Mato como candidata in pectore naquela cidade.
Finalmente, respaldou a reprobación do director xeral da CRTVG, que conta con “razóns obxectivas” malia que a posibilidade de que prospere sexa nula debido á maioría do PP. o portavoz socialista reivindicou de novo o cumprimento da Lei dos medios públicos de comunicación de Galicia para permitir a elección do responsable da Corporación por maioría cualificada do Parlamento.