O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, puxo hoxe en dúbida a suposta aposta por aumentar as competencias de Galicia por parte do presidente da Xunta. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que hoxe fixou a orde do día do Pleno da próxima semana no que o responsable socialista utilizará a sesión de control para poñer as promesas de Feijóo fronte á súa “alerxia polo autogoberno”.
O responsable socialista cuestionou a credibilidade do xiro autonomista do presidente da Xunta, que “nos ten afeitos a facer declaracións nun sentido e actuar na dirección contraria”, logo de ter enfriado esta mesma semana a súa aposta por aumentar as competencias de Galicia. Advertiu que o presidente da Xunta “prescinde do carácter de nacionalidade histórica de Galicia”, primando os “intereses de partido e a posición recentralizadora de Casado”.
Lembrou que ata o momento todo o que fixo o presidente da Xunta foi garantir a “baixada de nivel de Galicia”, tanto ao bloquear a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia cando gobernaba o socialista Emilio Pérez Touriño, como ao negarse a pedir unha soa nova competencia dende a súa chegada á Xunta.
Quere testear a vontade real do presidente da Xunta de que Galicia acade o mesmo nivel de competencias que Euskadi e Cataluña, xa que “para el o momento é nunca”. Lembrou neste sentido a importancia de acadar a competencia de Tráfico para Galicia “non para colgarse unha medalla, senón para mellorar as condicións de circulación nas nosas vías de comunicación”, antes de lembrar que as vítimas mortais nas estradas galegas duplican ás do País Vasco.
Neste sentido, o portavoz socialista presentoulle un escrito á Mesa do Parlamento para reclamar a reactivación tanto da Comisión de Estudo da Seguridade Viaria de Galicia, que suma 3 lexislaturas activadas, cos traballos previos rematados pero sen ter aprobado as conclusións. Algo semellante sucede coa Comisión de Investigación sobre a fusión das caixas, cos traballos rematados e á espera da convocatoria da ponencia e da redacción das conclusións.
Sanidade
O próximo Pleno incluirá ademais unha Interpelación do Grupo Socialista sobre a situación da atención pediátrica nos centros de saúde de Galicia e para reclamar tanto o incremento de prazas MIR como o recorte de profesionais polo goberno e a falla de substitucións. Os socialistas presentarán ademais unha pregunta oral sobre a situación do servizo en Moeche, Cerdido, As Somozas e San Sadurniño.
O Grupo Socialista levará unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego a implantación do Servizo de Hemodinámica as 24 horas do día no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que será a única provincia galega sen este servizo logo de que o goberno galego anunciara a súa posta en marcha en Lugo.
O Pleno do Parlamento comezará o próximo martes co debate dunha proposición de Lei do Grupo Socialista para regular a actividade dos grupos de interese –lobbies– en Galicia. Explicou que o obxectivo “non é prohibir, senón garantir a transparencia para coñecer as actuacións destes grupos de presión”, tal e como xa teñen feito distintas comunidades autónomas de España.