O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe a estratexia de Feijóo de asumir sen protestas tódalas restricións financeiras impostas polo goberno central, que debilita a súa posición na negociación do novo modelo de financiamento. Na comparecencia do goberno en Comisión sobre a posición de Galicia na reforma do financiamento autonómico, instounos a converterse nun “problema no marco da Lei” para que “nos tomen en serio”.
O responsable socialista criticou que o presidente da Xunta diga que “non imos ser un problema” ao renunciar a utilizar o déficit autorizado, presumir de baixas de impostos, ou ao facer unha xestión “morosa” dos fondos comunitarios. Sinalou que deste xeito “estalle dicindo ás outras autonomías e á administración central que temos recursos de abondo, incluso de sobra, e que podemos renunciar aos que temos asignados”.
A mesma mensaxe equivocada, dixo, lles transmite ao amosarse pasivo fronte á caída de 321 millóns de euros nas entregas a conta do Estado, os 71 por non prorrogar o Imposto do Patrimonio ou ao asumir que beneficien ás comunidades máis ricas e ás incumpridoras cos mecanismos extraordinarios de financiamento –FLA e Fondo de Facilidade Financeira-.
Revisar o sistema
Fernández Leiceaga dixo que “temos que facer todo o posible para que en 2018 se revise o sistema” de financiamento autonómico para conseguir unha “inxección de recursos considerable” sempre que Galicia manteña a súa posición de 2009. Advertiu que aquel modelo, previsto inicialmente para 5 anos, leva xa 10 vixente, duplicando a súa vixencia prevista.
En calquera caso, lembrou que Feijóo dixera en 2009 que os 11.000 de euros adicionais que conlevaba eran “insuficientes”, sen que teña posto ningunha nova cifra a día de hoxe. Lembrou que a Comisión de Expertos “fala de que unha cifra de 16.500 millóns de euros sería razoable” para comezar a reequilibrar o sistema e garantir o Estado do Benestar e a solvencia das comunidades autónomas.