O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, chamou hoxe á Xunta a eludir o “enfrontamento estéril” co goberno central polo peche de actividade da central térmica de Endesa en As Pontes, e reclamou que “se unan na busca dunha alternativa que permita sumar” na busca dunha saída para as comarcas afectadas. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno do Parlamento da próxima semana.
O Pleno comezará coa comparecencia do conselleiro de Economía e Industria, a quen o portavoz socialista advertiulle que “non confunda o seu papel co dun axitador social”. Fernández Leiceaga sinalou que “prefeririamos que comparecera o presidente da Xunta”, quen envía no seu lugar a Conde, mais advertiu que os socialistas non asinaron a petición de comparecencia orixinal para “non contribuír á campaña” da Xunta contra o goberno central.
O portavoz socialista sinalou que, se ben o Ministerio ten un “papel fundamental”, sucede o mesmo coa Xunta de Galicia, polo que reclamoulles que contribúan a buscar o acordo coa Deputación, os concellos afectados e o Executivo, en lugar de “buscar comparecencias que van dividir e coas que queren abrir feridas entre os grupos Parlamentarios”.
Advertiu que os socialistas galegos “seguiremos insistindo” na busca de acordos para unha reindustrialización que lles dea alternativas aos traballadores e ás comarcas afectadas, como fixeron cunha Proposta de Resolución no Debate do Estado da Autonomía da semana pasada que foi rexeitada polo PP. Sinalou tamén a necesidade de esixirlle á empresa, que foi quen decidiu pechar os fornos, o seu “compromiso para facilitar a transición enerxética”.
Fernández Leiceaga explicou que se trata dun proceso de descarbonización urxente pola necesidade de “salvar ao Medio Ambiente”, pero tamén “de enorme complexidade” polas súas repercusións sobre as persoas e os territorios afectados. En calquera caso “depende do marco da UE” que afecta na mesma medida a tódolos países do entorno comunitario, con peches semellantes no Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia, Portugal e agora España.
Apuntou que a substitución do carbón por outras enerxías menos contaminantes debe realizarse ofrecendo “saídas para As Pontes e as comarcas afectadas”, sen esquecer tampouco aos sectores afectados indirectamente, como é o caso dos transportistas ou as empresas auxiliares.
Iniciativas
O portavoz do Grupo Socialista explicou que o secretario xeral do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, presentaralle unha pregunta oral ao presidente da Xunta sobre o balance da súa xestión e a capacidade de rectificar o rumbo do Executivo autonómico. Os socialistas presentarán tamén unha proposición non de Lei con 7 puntos para salvar os desequilbros terrimtoriais e o despoboamento, sinaladamente na mellora das comunicacións e do mapa de servizos básicos.
O Grupo Socialista presentará tamén unha proposición non de Lei para esixirlle á Xunta que se “poña as pilas” e aproveite a maior oferta de prazas MIR da historia que vén de autorizar o goberno central. Chamou ao goberno galego que “eviten repetir o que fixeron estes anos nos que convocaron menos prazas das que tiñan habilitadas” provocando o déficit de profesionais da sanidade.
Tamén presentarán unha pregunta oral sobre a venda do hospital vigués Povisa, lembrando o papel do Sergas, que ten asinado un concerto co centro sanitario ata o ano 2022, e que “debe garantir a calidade asistencial en Vigo, así como as condicións laborais da plantilla”.