A responsable de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe no Parlamento o “escurantismo e arbitrariedade” da Xunta de Galicia no reparto de 2,7 millóns de euros de axudas do Plan de Infraestruturas Rurais. A responsable socialista presentou unha iniciativa parlamentaria na que alerta da concesión sen publicidade nin convocatoria pública.
Rodríguez Rumbo acusou ao goberno galego de incumprir coa súa propia Lei de Transparencia e Bo goberno ao “agochar os concellos beneficiarios e as obras financiadas”. En total trátase de 65 concellos nos que repartiron estas axudas sen convocatoria pública e, segundo explicou hoxe a Xunta, sen máis xustificación que a “urxencia e necesidade”.
Denunciou que o mesmo día da publicación do Plan de Infraestruturas Rurais, o 6 de setembro, aprobaron a sinatura de “nada mais e nada menos que 46 convenios correspondentes a investimentos plurianuais”. Advertiu que resulta “imposible averiguar os concellos beneficiarios, as obras, e moito menos a convocatoria pública nin os criterios, requisitos nin baremos polos que Medio Rural acordou conceder as obras”.
Rodríguez Rumbo explicou que o Plan de Infraestruturas Rurais estaba previsto, segundo a Xunta, para acondicionar 125 camiños rurais, instalar 500 metros de canalizacións de abastecemento de auga ou regadío ou reconstruír muros de pedra en vías municipais, entre outras actuacións.