A deputada socialista Noela Blanco ven de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que denuncia o “escurantismo” da Xunta co proxecto mineiro de Man de Moura, en Ribadavia, con “máis sombras que luces”. Alerta dos problemas derivados dun proxecto que se remonta a 1997 e que vén de ser “resucitado” pola empresa diante da pasividade do goberno galego.
Blanco sinala que o proxecto ven acompañado dun estudo de impacto ambiental “absolutamente obsoleto”, que se remonta a hai 20 anos. Ademais, advirte das afeccións que podería ter sobre os xacementos arqueolóxicos próximos, así como nos mananciais de auga potable que abastecen ás parroquias de Barcia e Ibia.
Os socialistas trasladan así á Cámara autonómica a preocupación dos veciños e veciñas dos concellos de Melón, Carballeda e Ribadavia pola recuperación da actividade de extracción de granito nesta canteira situada no lugar de Franqueirán.