A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle hoxe “proactividade” á Consellería do Mar para apoiar ao sector transformador para tramitar as axudas para Pemes. Otero presentou unha pregunta oral na que acusou á Consellería de actuar como “mera tramitadora de axudas” en base ao escaso número de proxectos aprobados.
A responsable socialista sinalou que, de acordo cos datos presentados hoxe na Comisión, de 76 proxectos presentados en base a unha orde publicada en decembro de 2019, tan só foron aprobados 43, menos do 57 por cento do total. Sinalou que a Consellería “non se involucra co sector para axudalos a tramitar as axudas” precisamente “sendo conscientes da complexidade que supoñen estes procesos.
Aquela orde, explicou, abría o prazo para solicitar unhas axudas cofinanciadas no 75 por cento con Fondo Europeo Marítimo e de Pesca –FEMP- e un 25 por cento pola Comunidade Autónoma e que foron adiados pola chegada da pandemia e do Estado de Alarma. Reclamoulle á Consellería “axilidade” e apoio ao sector de transformación do peixe á hora de adquirir unhas axudas “fundamentais para superar as dificultades”.
Explicou que estas axudas comunitarias inciden sinaladamente, entre outros factores, na mellora das condicións laborais, de seguridade e de hixiene dos traballadores e traballadoras dun sector que supón en Galicia 12.000 empregos directos, un 80 por cento dos cales correspóndenlle a mulleres.