O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou hoxe a “escandalosa explicación” da Consellería do Medio Rural polo nomeamento do ex alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, como asesor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –Agader-. Martín Seco advertiu no Parlamento de que a Consellería “sinala agora que Traba é un asesor do conselleiro que traballa no Agader” porque “saben que o nomeamento como asesor do ente vai contra a Lei de Emprego Público de Galicia.
O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria, onde acusou a Medio Rural de facer do Agader un “chiringuito de colocación de amigos do PP”. Seco levou o caso do ex alcalde do PP, desvelado polo CSIF, que sinalaba o nomeamento do ex alcalde en contra da normativa autonómica, que sinala que “as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico non poden nomear persoal eventual”.
Criticou que a Consellería ofreza esta explicación logo de evidenciar que Traba “traballa fisicamente na área económico – financeira do Agader”, e advertiu de que “vixiaremos que é o que fai fisicamente alí” o novo asesor da Consellería. Lembrou ademais de que “descoñecemos o salario do dito asesor, xa que a Consellería só fai públicos os salarios do xefe de gabinete e da xefa de prensa, agochando as remuneracións dos restantes 6 asesores”.
O parlamentario socialista lembrou a traxectoria política de Traba, coñecido por atesorar “innumerables denuncias por unha extensa lista de aberrantes ilegalidades urbanísticas”, ademais de por ter sido imputado en operacións como a Orquestra.
Blanco Paradelo
Este nomeamento, coñecido a mediados do mes pasado, súmase á designación do ex deputado do PP e dirixente en O Barco de Valdeorras, Moisés Blanco Paradelo, como persoal directivo do Agader. Daquela adecuaron o proceso selectivo ás características do traballador e non ao contrario, valorando titulacións diferentes ás esixidas na convocatoria, a asistencia a cursos que non tiñan que estar homologados nin vencellados ao sector, ou aportar experiencia na docencia.
Martín Seco sinalou que “a sociedade non está para tomaduras de pelo”, e engade que “o noso rural non pode converter o Agader nun chiringuito en lugar dun ente serio e tecnicamente preparado” para levar a bo porto a Lei de Recuperación de Terras Agrarias, agora mesmo en trámite parlamentario.