Sinala que a perda de peso relativo da Consellería deriva na perda de calidade asistencial e converten á sanidade na maior preocupación dos galegos e das galegas
A portavoz de Sanidade apunta que o Orzamento é “insuficiente para as 212.281 persoas na lista de espera de consultas, as 45.027 en espera de cirurxía ou as 84.437 para probas diagnósticas”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, cualificou hoxe os Orzamentos da consellería de Sanidade de “absolutamente desoladores” porque resultan “insuficientes” para recuperar a calidade asistencial logo de 15 anos de recortes. Espinosa interveu na comparecencia do conselleiro de Sanidade para presentar no Parlamento as contas do departamento para o próximo ano.
A responsable socialista criticou a actuación “torticeira” do goberno galego, que sabendo da necesidade de recursos para a sanidade “non o orzan” pola “falla de peso do conselleiro no Goberno de Galicia, o seu desleixo ou o desleixo do presidente da Xunta”. En calquera caso, advertiu da perda de peso relativo da sanidade pública dentro dos Orzamentos da Xunta, que está a provocar que este sexa o principal problema para os galegos e as galegas.
Espinosa lembrou que a propia Fundación de Estudos de Economía Aplicada -Fedea- sinala que Galicia é a Comunidade Autónoma con menor investimento por habitante en sanidade, educación e políticas sociais no último ano analizado -2022-. O propio Consello de Contas, lembrou, alerta de que o orzamento per cápita na sanidade galega sitúase por debaixo de comunidades autónomas como País Vasco, Navarra ou Castela e León.
Advertiu que en calquera caso o incremento pírrico do orzamento galego na sanidade pública “non vai chegar nin para tapar buratos” mentres a Consellería “fai trampas ao solitario” ao abusar das modificacións de capital para tapar a falla de cartos para pagar salarios ou material. Así o constatou o Consello de Contas, que ano tras ano alerta destas “importantes irregularidades”, ata o punto de que no último ano fiscalizado, o ano 2022, as modificacións supuxeron unha suba do 10 por cento.
A parlamentaria socialista advertiu que “por moito que a música sone ben, falta a letra, ou neste caso os números”, e reclamou máis recursos para pagar aos profesionais da sanidade, porque “o problema fundamental está na atención primaria e nas listas de espera na atención hospitalaria ou nas consultas”, que se resolven contratando profesionais.
Listas de espera
Sinalou que mentres non tomen medidas os problemas continuarán a repetirse “ao longo de toda Galicia, dende Fisterra ao Barco de Valdeorras, da Mariña a Tui”, e lembrou o “último espectáculo” da desviación de pacientes oncolóxicos do servizo de Radioterapia saturado de Vigo ata Ourense. Dixo que o Orzamento é insuficiente para as 212.281 persoas en lista de espera de consultas, as 45.027 persoas en espera de cirurxía ou as 84.437 persoas en espera para probas diagnósticas.
Criticou que, con esta situación no horizonte, o goberno se permita presumir de que deixará de ingresar 751 millóns de euros en bonificar impostos e taxas para as grandes fortunas, ou que defendan o sobrecuste de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro, un centro que asume a maior parte dos investimentos “para pagar a un fondo de investimentos francés”.
Resumiu que “o único que están a conseguir é que a saúde sexa a nosa maior preocupación, e con estes orzamentos conseguirá que aumenten as desigualdades e que o problema sobre a saúde continúe a medrar”.