Aféalle ao PP que vexa no ente fiscalizador “un estorbo incómodo” e se negue sistematicamente a aceptar as súas recomendacións
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Relacións co Consello de Contas, Elena Espinosa, criticou hoxe a “falta de respecto” amosado polo goberno galego cara ao traballo do ente fiscalizador e o seu persoal. Así o dixo no debate dos informes de fiscalización do ano 2022, que foron “despachados” no Pleno do Parlamento de hoxe porque o PP quere “escurecer o debate” que consideran “un estorbo incómodo”.
Finalmente aprobaron o ditame incorporando tan só 1 proposta e 1 transacción das 38 que presentaras os socialistas galegos para reclamar “maior transparencia e aumentar o control” da actividade do goberno galego dende o órgano. Afeoulles que ano tras ano continúen ignorando as recomendacións remitidas polo ente fiscalizador, sen sequera explicar os seus motivos.
Lamentou que o goberno galego non teña “a mínima intención de incrementar o debate” sobre os informes remitidos polo Consello de Contas e como consecuencia aumentar a transparencia, polo que “despachan” en dúas comisións ao longo do ano, moi lonxe doutras comunidades autónomas que “as realizan mensualmente”.
Espinosa lamentou que tanto o PP como o goberno galego respondan amosando a súa “incomodidade” diante do traballo do Consello de Contas, negándose mesmo a adiantar a rendición da conta xeral, e provocando que perda valor polo “gran desfasamento temporal”. Así o dixo logo de sinalar que o debate de hoxe, que se produce camiño ao remate do ano, corresponde á conta xeral do ano 2021.