Sinala que o goberno galego mantén un “sistema fraudulento” que non contabiliza o tempo total da espera, senón só dende que se marca a cita na axenda
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe á Xunta de facer “puro engano” ao computar as esperas sanitarias mediante un “sistema fraudulento”. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para pedirlle á Xunta un sistema “nítido” e “transparente” que foi rexeitada polo voto en contra do PP.
Espinosa advertiu que as esperas, malia que teñen empeorado considerablemente este ano, son incluso “moito maiores das que a Xunta pretende recoñecer”. Explicou que o goberno galego deixa fora da conta boa parte do tempo de espera, xa que tan só contabiliza o tempo dende que se marca a cita nunha axenda sanitaria, e “non dende que a persoa o solicita”.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de considerar aos pacientes como “simplemente números” e esixiulles que “deixen de xogar coa saúde e o sufrimento dos galegos e das galegas”. Responsabilizou ao goberno do PP da “ineficiencia do sistema” e engadiu que “para buscar unha solución a esta falla de atención sanitaria, o primeiro que hai que facer é terminar coa opacidade”.
A parlamentaria socialista sinalou que a pesares desta falta de transparencia, as esperas recoñecidas este ano “empeoraron considerablemente” ata superar os 73 días de media de espera para unha consulta en Galicia. Estas medias inclúen, dixo, 87 días de espera para consulta na área de Lugo – A Mariña – Monforte, ou máis de 130 en Ourense – Verín – O Barco.
Advertiu que “non son números, trátase de persoas que teñen problemas de saúde” e requiren “unha solución a esta falta de atención sanitaria”, e que teñen que enfrontarse a esperas de 333 días para rehabilitación no Hospital de Ourense ou 347 días para unha ecocardiaografía no hospital público da Mariña.