Reclámalle ao goberno galego que pare co desmantelamento das unidades de covid persistente e constitúa unidades multidisciplinares para atender a estes pacientes
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe ao goberno galego de deixar “orfos” aos doentes con covid persistente logo de 5 anos da pandemia. Espinosa presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que le reclamou ao goberno galego que poña en marcha unidades disciplinares para atender a estes doentes e reforce a investigación nesta enfermidade.
A responsable socialista advertiu que as persoas afectadas por covid persistente “séntense soas, en certa medida desesperadas porque de momento ninguén pode darlles unha solución que non sexa tratar os síntomas”. Reclamou atención para estas persoas que padecen unha enfermidade que pode presentar ata 200 síntomas distintos e que afecta a tódolos sistemas orgánicos, incluído o cardiovascular, o nervioso, o endocrino, o inmunolóxico, o reprodutivo e o gastrointestinal.
Esixiulle á Xunta que pare co desmantelamento das unidades de covid persistente en Galicia, cando a única que queda agora é a do Hospital de Ourense, e polo contrario reforce a atención constituíndo unidades multidisciplinares que dean resposta a este problema. Sinalou que estas unidades poderían axilizar a diagnose, dispor dun censo de doentes, facilitar a participación en ensaios clínicos, optimizar as probas e evitarlle aos doentes a “peregrinaxe” polas distintas especialidades.
Emprazou ao goberno galego a garantir unha formación acaída dos médicos de atención primaria e recupere e reforce as liñas de investigación sobre esta doenza propias de Galicia. Explicou que polo momento “só finalizou unha investigación realizada polo CiQUS e mantense unha en marcha por parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur”.
Afeoulle á Consellería de Sanidade que a día de hoxe non existan rexistros oficiais por parte do Sergas que revelen a cantidade de persoas afectadas por esta doenza, que segundo os expertos sanitarios pode afectar a entre o 10 e o 15 por cento das persoas que sufriron Covid -que a OMS eleva ata o 20 por cento-, e que é máis frecuente nas mulleres de idade media -un 79 por cento fronte ao 21 por cento de homes-.