A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, salientou que a futura reforma da Lei galega contra a Violencia de Xénero, que introduce a violencia dixital como unha forma máis de violencia machista, incorpora emendas do PSdeG que melloran en boa medida o propósito inicial, introducindo cambios relacionados coa investigación, a sensibilización, a educación e mecanismos de control.
Así o dixo no debate desta reforma, que foi aprobada hoxe en Comisión e queda pendente da aprobación definitiva no Pleno do Parlamento. A proposta socialista incorpora un novo punto para que a Xunta impulse acordos coas plataformas de Internet para establecer criterios e mecanismos de denuncia e retirada destes contidos. Esta medida forma parte das 4 emendas do Grupo Socialista que finalmente foron aprobadas dun total de 5 presentadas.
A proposta que non foi aceptada, explica, foi subsumida nunha autoemenda do PP finalmente incorporada que matizar que esta violencia “non ten que exercerse de forma sostida e repetida no tempo”, tal e como se evidenciou no recente “terrible caso da Maruxaina”.
Ademais, o PSdeG introduciu no articulado da Lei que se potencie a investigación sobre a violencia dixital, así como o impulso de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de comportamentos e actitudes sexistas e da violencia de xénero cunha especial atención ao ámbito dixital. Tamén incorporaron “que se poña o foco neste tipo de violencia nas campañas de sensibilización e formación da poboación xuvenil na prevención e identificación destas actitudes”.
Díaz advertiu que “lamentablemente, a violencia machista muta cos tempos e ten unha terrible capacidade de adaptación para perpetuar o control sobre as mulleres, e por iso é necesario avanzar en novas formas de protección”. Apunta que “as tecnoloxías da información e a comunicación e os novos modos de comunicarnos foron invadindo todo, e temos que ser conscientes de como permiten exercer unha violencia que ten unha enorme proxección e difusión, pero que desgraciadamente non é percibida como tal”.
Concluíu sinalando que “agora é necesario que unha vez tipificada esta violencia, traballemos tamén na prevención e na pedagoxía”. Engadiu que “consideramos necesario acompañar esta Lei da posta en marcha de plans ambiciosos de sensibilización e información para identificar estas novas figuras de violencia de xénero dixital e previr a súa aparición, así como para ofrecer recomendacións e recursos para obter a axuda precisa”.