O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou ao goberno galego de beneficiar aos centros privados e concertados fronte ao ensino público na implantación dos programas de ensino en lingua estranxeira. Así o dixo na comparecencia da nova conselleira de Educación, hoxe no Pleno do Parlamento, para presentar as liñas xerais do seu departamento.
O responsable socialista advertiu da “asimetría máis que evidente” na implantación destes programas, que chega ao 57 por cento dos centros públicos, cando supoñen o 88 por cento dos centros de Educación Primaria. Mentres, o 43 por cento dos centros privados ou concertados teñen a cualificación de “plurilingüe, cando en realidade supoñen apenas o 22 por cento da rede.
Ademais, puxo en cuestión as cifras do goberno galego, que anuncia que hai actualmente 327 centros de Primaria con esta cualificación –dun total de 870-, cando, dixo, “cóstame moitísimo asumir que unha hora de clase de plástica en lingua estranxeira supoña duplicar a competencia lingüística”, como está a anunciar o goberno galego.
Sinalou que a aprendizaxe integrada en linguas estranxeiras “Galicia ten como mínimo bastante que mellorar”, e acusou ao goberno galego de “pecar de improvisación” ao “deixar as convocatorias de tódolos programas de experimentación e innovación para maio e xuño, sen tempo para que os centros poidan debater se se adhiren ou non”.
OPE
Luis Álvarez reclamoulle ao goberno galego que amplíe a Oferta Pública de Emprego para restaurar en 2020 as 1.519 prazas de profesores amortizadas polo goberno de Feijóo, dende as 30.841 ata as 29.322 actuais segundo os datos oficiais do goberno galego. Advertiu que a OPE anunciada polo goberno galego supón “un proceso de promoción interna que non vai reducir a precariedade”.
Finalmente, reclamou “menos publicidade e menos cifras grandilocuentes e máis adecuarse á realidade” en canto á implantación do I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia, logo de que a Xunta se teña negado xa en dúas ocasións de dous debates diferentes a revelar os indicadores que apuntan á implantación do programa.