A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de reclamarlle ao goberno galego que poña en marcha as necesarias obras de acondicionamento e mellora do CEIP Xacinto Amigo Lera, na parroquia de Portomouro, no Val do Dubra. Díaz presentou unha pregunta na Comisión de Educación de hoxe para urxirlle á Xunta que realice unhas actuacións imprescindibles para garantir as condicións de habitabilidade do centro.
A responsable socialista acusa ao goberno galego de ter esquecido este pequeno centro, que da servizo a 66 alumnos e alumnas, e que require do remate das obras de mellora dos patios interior e exterior, iniciadas no seu día pero agora paralizadas, como sucede coas obras de mellora de parte da cuberta. O inmoble presenta nestes momentos ademais “un serio problema de humidades”, con goteiras en aulas, ximnasio e patio.
Esta situación vese agravada pola antigüidade de fiestras e persianas, ás que se suman a necesidade da reforma integral dos baños, que se atopan neste momento nun estado “moi deficiente”.
A parlamentaria socialista lembra que no mesmo Concello atópase o CPI de Bembibre, no que o goberno galego si que investirá este verán 392.000 euros para mellorar a cuberta, as canalizacións, eliminar fendas na fachada e renovar fiestras e a porta de entrada. Apunta que “non parece moi comprensible que establezan diferenzas de trato dos dous centros públicos dun mesmo concello, creando comunidades educativas de primeira e de segunda”.
Díaz lembra que estas actuacións van máis alá da conservación, mantemento e reparacións asumidas polo Concello, e sinalou que as actuacións estruturais pasan a ser competencia da Xunta de Galicia. Sen embargo, lamenta o escaso interese do goberno galego por garantir as condicións dos centros educativos galegos, logo de ter rexeitado un Plan de Rehabilitación de centros públicos proposto polo PSdeG na propia Comisión de Reconstrución do Parlamento.
Sinala que o Grupo Socialista ten presentado ademais unha serie de emendas aos Orzamentos para este ano destinadas á rehabilitación de centros e o apoio aos concellos nas tarefas de mantemento por apenas 35 millóns de euros que resolverían o estado xeral dos centros educativos públicos do país. Lamenta que o PP teña rexeitado todas estas propostas, malia contar “cos orzamentos máis expansivos da historia”.