A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Relacións co Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe o “desprezo” amosado polo goberno galego ao traballo de fiscalización do ente. Así o dixo no debate de hoxe, sobre a Memoria de Actividades de 2016, na que lamentou que Contas teña que reiterar as mesmas recomendacións cada ano polo caso omiso do goberno galego.
Rodríguez Rumbo esixiulle neste sentido ao goberno galego que “sexan impecables e non quede sobre o papel” a obriga do goberno galego de atender á nova función de control da corrupción que ten o ente fiscalizador.
“Todo é mentira”, así resumiu a resposta do goberno galego incluso ás propostas incluídas nos informes de fiscalización e nas memorias de actividades do Consello de Contas. Advertiu que mesmo chegan a incumprir as propostas incluídas polo propio PP “con moito autobombo e moito power point” pero sen ningunha intención de darlles continuidade.
Sinalou así ás propostas de instar á Xunta a “crear e poñer en marcha o rexistro de entidades do sector público” previsto na Lei, ou a “mellorar a información e obxectivos dos programas de gasto sanitario a través dos indicadores asociados a eles”. Cualificou de “guasa” do PP ao incluír propostas que un ano despois nin sequera son cumpridas polo goberno galego.
Apuntou que “se a Xunta de Galicia non vai cumprir coas recomendacións do órgano por suposto que sae caro” así que sinalou que “ou lle conceden máis dotación de persoal e material ou cárguense o órgano”. “A lo menos –sinalou- non fagan que fan”, xa que “para vostedes todo queda no papel, en anuncios grandilocuentes que logo non executan”.
Sinalou tamén ás propostas transaccionadas en 2017 cos socialistas para mellorar a calidade da información contable dos proxectos do Fondo de Compensación Interterritorial.
A proposta de implantar un novo plan xeral de contabilidade pública “axustado ao plan xeral aprobado pola Administración Xeral en 2010”, dixo, xa foi transaccionado en dous debates sucesivos sen cumprilo a día de hoxe malia que sexa obrigado dende 2010 “porque daría máis visibilidade e transparencia, e iso vostedes non o queren”.
Pemes
Reivindicou así o cumprimento da única proposta de Resolución das 21 que presentou o Grupo Socialista e que foi aceptada polo PP no debate deste ano, para pedirlle á Xunta un plan de traballo 2017-2020 para facilitar a participación das Pemes na contratación pública autonómica. Os socialistas queren dar cumprimento así á Directiva europea que obriga a dividir os contratos en lotes cando sexa posible.
Polo camiño, dixo, rexeitaron tódalas demais resolucións, incluíndo as que pedían evitar o uso do programa de imprevistos da Xunta para realizar transferencias de crédito, ou obrigar ás entidades instrumentais a cumprir coa rendición de contas. Tamén reclamaba impoñer restricións para evitar o desprazamento de gasto a exercicios posteriores, ou incorporar no Portal de Transparencia información sobre os fondos europeos 2007-13.
Tampouco aceptaron hoxe ningunha das 13 recomendacións presentadas polos socialistas galegos á Memoria de Actividades, e que tamén foron debatidas, negándose a pedirlle ao ente que presente a fiscalización no exercicio seguinte ao peche anual, e negáronse a pedir un informe de fiscalización sobre contratos de publicidade e comunicación da Xunta.
Rexeitaron a proposta de realizar un informe sobre as axudas e convenios do goberno galego coas entidades locais e institucións dependentes, así como unha comparativa entre os custes dos centros sanitarios públicos e concertados ou fiscalizar os procedementos de contratación da Xunta ou fiscalizar a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro. Tampouco quixeron dar transparencia sobre o cumprimento dos obxectivos dos programas operativos da UE xestionados pola Xunta.
Proposta de Resolución aprobada hoxe
Resolución núm. 21
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar un plan de traballo 2017-2020 para facilitar a participación das Pemes na contatación pública autonómica, en cumprimento do establecido na directiva 2014/24/UE a propia Lei 14/2013, do 27 de decembro, de reestruturación do sector público autonómico sobre a división en lotes cando o obxecto dos contratos así o permita”.