O deputado socialista José Manuel Pérez Seco acusou hoxe ao goberno galego de obrigar aos pais e nais de Cerdido, San Sadurniño, Moeche e As Somozas a “andar Paquí Pallá detrás dos pediatras”. Pérez Seco presentou unha pregunta oral logo da supresión do servizo de pediatría nestes concellos dende o mes de xaneiro, obrigando a tódalas familias da zona a desprazarse a San Sadurniño.
Denunciou a “gran discriminación para os nenos e nenas dos concellos de Cerdido, Moeche e As Somozas” porque “non teñen os mesmos niveis de cobertura que nas cidades”, mentes dificultan a conciliación dos pais e nais e obrígalles a facer desprazamentos. Ao mesmo tempo, saturan aos facultativos de San Sadurniño, obrigados a atender á poboación de catro concellos e prexudicando aos veciños desa mesma localidade.
Sinalou que “chove sobre mollado” porque “non é a primeira vez que a comarca de Ortegal sofre estes sachazos”, lembrando que “nos concellos de Cariño, Ortigueira e Mañón os nenos e nenas xa saben que non se poden poñer enfermos cando o pediatra está de baixa ou vacacións, porque non haberá ninguén para atendelos”.
Denunciou así o “desmantelamento do servizo” e reivindicou a recuperación das condicións de traballo do persoal con máis estabilidade e devolvendo os niveis asistenciais. Acusou ao goberno galego de “preocuparse por ir a Madrid” á manifestación do pasado domingo en lugar de atender á protesta convocada en Santiago de Compostela para reivindicar a recuperación da sanidade pública.