A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou o desinterese do goberno galego de cara ao servizo de orientación laboral. Na comparecencia do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, hoxe en Comisión parlamentaria, sinalou que este servizo evidencia o “desleixo” da Xunta, que deixou sen executar 357 millóns de euros destinados á promoción do emprego entre 2015 e 2017.
Otero acusou ao goberno do PP de non apostar de xeito claro pola orientación, como evidencia tanto o despido de 56 orientadores laborais da Xunta en 2017, que se sumaron aos 109 orientadores despedidos polo goberno de Rajoy en 2012, no ano máis duro da crise, e antes de que rematara o seu contrato. Lamentou os “bandazos” do PP, que a continuación contrataría outros 130 novos técnicos de orientación, impedindo unha xestión eficaz deste servizo.
Este desinterese por parte do goberno central tivo o seu eco na escasa execución das partidas para promoción do emprego no goberno de Feijóo, para o que as políticas activas de emprego están moi lonxe de ser unha peza clave da súa xestión. Sinalou que no ano 2015 deixaron 124 millóns de euros sen executar, outros 100 millóns en 2016 e 133 en 2017, o 43,6 por cento do orzamento total dispoñible para este apartado.
Criticou que estean a utilizar o servizo de orientación laboral “ao seu antoxo” en función da conxuntura electoral, e esixiu dotalo de recursos humanos e materiais adecuados para que poida cumprir cos seus obxectivos e contribuír a paliar o desemprego en Galicia.
Afeoulle ao goberno galego que teña limitado o servizo de Orientación Laboral Aberta a “mera publicidade e propaganda” de forma reiterada dende 2016, como demostra que “non teñan presentado nin un só feito, ningunha acción concreta”, evitando entregar ningún tipo de documento que acreditara o seu labor nin o seu modelo de traballo.