A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, reclamoulle hoxe ao goberno galego “medidas definitivas” para dotar aos portos galegos das medidas mínimas de seguridade necesarias para evitar accidentes como o do pesqueiro Silvosa, que o pasado 20 de decembro saldouse co falecemento dun mariñeiro en Malpica.
A responsable socialista reclamou investimentos en sistemas antiafundimento, o cumprimento dos compromisos para sinalizar as bateas e artefactos flotantes que poñen en perigo ás embarcacións, realizar as dragaxes pendentes nos portos e cumprir co Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que establece a mellora da seguridade como unha das liñas prioritarias de actuación.
Toja reclamou que restauren o millón de euros en saúde e seguridade que había nos orzamentos de 2017 e que foi reducida ata 300.000 euros e que “non van deixar sen executar 6 de cada 10 euros”. Esixiulle ao goberno galego que “tome en serio a seguridade dos galegos e galegas que traballan no mar”.
Malpica
Toja presentou hoxe unha pregunta sobre a situación concreta do porto de Malpica, onde a situación de perigo provocada polas difíciles condicións da vía de entrada, con correntes e remuíños que “provocan un perigo constante” e que o pasado 20 de decembro provocaron “unha traxedia que se podía ter evitado”.
Advertiu que esta situación provoca que “unha operación que debera ser rutineira –a de abandonar o porto- non o é, e pola contra trátase dunha manobra chea de pericia, valentía e ata temeridade”.