Pérez Seco insta á Xunta a “comezar coas obras dos aseos logo de semanas inhabilitados”, e que só permiten ofertar 6 das 35 prazas do albergue
Santiago de Compostela, 16 de maio de 19. O Portavoz socialista de Turismo, José Manuel Pérez Seco, acusou á Xunta de desentenderse no mantemento das infraestruturas do albergue de peregrinos do Concello de Betanzos. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Turismo celebrada hoxe no Parlamento para instar á Xunta a comezar as obras de mellora dos aseos que levan semanas sen poder usarse.
O deputado socialista advertiu que dende que o albergue do Camiño Inglés comezou coas obras “só pode ofertar 6 prazas das 35 habituais”. Pérez Seco transmitiu a preocupación do Concello que ve como “só poden ser atendidos aqueles grupos grandes de peregrinos organizados que o solicitaron con antelación e, aínda así, teñen que acudir ao polideportivo do colexio”.
Pérez Seco instoulle ao goberno galego “a realizar as obras coa maior brevidade posible” xa que “nesta época do ano, advertiu, os grupos de peregrinos tenden a ser familias ou grupos de 2-3 persoas e non poden dispoñer do polideportivo”. O responsable socialista amosou a súa preocupación sobre todo de cara a época do verán, na que “o aumento dos peregrinos é maior e as reclamacións de albergue, sinalou, son constantes”.
O responsable socialista amosou a importancia do Camiño Inglés que ten orixe tanto en Coruña como en Ferrol e que “foi a ruta medieval de peregrinación dos devotos ingleses e doutros lugares do norte de Europa” e que agora, sinalou, “vai aumentando a bo ritmo cada ano, pasando de ter 7200 peregrinos en 2014 a 14150 no ano 2018”. Sinalou que este incremento de peregrinos en 4 anos “supón un aumento total do 197% dende 2014 a 2018”.