O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe a “falla de interese ou desidia” amosada polo goberno galego para aplicar o I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia. Así o dixo logo de que o PP vetara unha proposición non de Lei en Comisión na que os socialistas reclamaban un informe sobre o cumprimento do Plan, dous cursos despois da súa posta en marcha.
Álvarez denunciou a “falla de respecto” do goberno galego cara ao Parlamento ao negarse a responder por escrito ás preguntas dos socialistas nas que “simplemente pedimos que digan se teñen revisado ou non o material didáctico dende a perspectiva de xénero”. Advertiu que faltan dous cursos para que remate o dito Plan, que incorpora 27 medidas cuantificables para comprobar a súa aplicación, pero que o PP e a Xunta queren agochar.
Criticou que o PP considere “precipitado” pedir información á metade do plan, e sinalou á urxencia de comprobar o seu desenvolvemento “para comprobar se os indicadores son bos ou malos” e así tomar decisións sobre a súa aplicación. Acusou ao PP de “dicir unha cousa e a contraria: din que se preocupan pola súa aplicación pero que non é necesario comprobalo”.
Lamentou a incapacidade do goberno galego de dar conta mesmo da resposta que está recibindo a iniciativa nos centros, presentando o número deles, así como de alumnos que participan destas medidas a día de hoxe.
O Plan, lembrou, está orientado a inverter a tendencia de aumento das condutas discriminatorias e dos estereotipos sexistas entre o alumnado dos centros educativos, a través de catro principios, que son a transversalidade, a sociedade igualitaria, o obxectivo “violencia 0 nas aulas e na sociedade” e a inclusión e integración da diversidade, establecendo seis eixos.