O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de “consolidar e solidificar” o problema da falla de pediatras en Galicia. No debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento criticou que utilicen o déficit destes especialista como escusa para reducir servizos e reivindicou a ampliación de prazas MIR da especialidade e a mellora das condicións laborais.
Torrado acusou ao conselleiro de Sanidade “desfrutar” no seu papel de “mero xestor” e impoñer a “política do éche o que hai” e asumir e perpetuar así a falla de profesionais médicos para os menores. Criticou que non teñan “nin difundido a situación, nin ofrecido unha explicación, nin atender ás demandas dos pais e nais”.
Advertiu que a súa única resposta teña sido concentrar os pediatras nos grandes centros de saúde, unha decisión coa que se ven “excesivamente contentos”. Isto provoca que por unha parte desatenden aos centros con menos poboación mentres “saturan” outros Centros de Saúde, que teñen que atender entre 40 e 50 nenos cada día por pediatra.
O responsable socialista avogou por “recoñecer os problemas pero ser inconformistas” para mellorar a atención pediátrica incrementando os recursos e mellorando as condicións laborais. Así, propuxo incrementas as prazas MIR da especialidade e garantir mellores condicións de traballo, cando “España ten as peores condicións da UE, e Galicia as peores condicións de España”.
Sinalou que “hai 20.479 profesionais médicos –sinaladamente pediatras, médicos de familia, xinecólogos e oftalmólogos- que pediron homologar o título para exercer fora do Estado, porque aquí non acadan as condicións laborais que necesitan”.