O portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Luis Álvarez, responsabilizou hoxe ao director xeral da CRTVG da estratexia da canle de “minimizar” a información sobre a sentenza da Gürtel contra o PP “ata extremos insultantes”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión parlamentaria na que relacionou a manipulación informativa coa caída de audiencia, ata un 9,9 en maio.
Álvarez advertiu da “crise de credibilidade” que está a vivir o ente logo de adoptar unha liña política favorable ao PP, que ten provocado a caída da audiencia e mesmo a dimisión de dous presentadores do telexornal da noite como protesta pola manipulación informativa.
Os dous deputados socialistas da Comisión asistiron hoxe á Comisión vestidos de negro en respaldo ao “venres negro” convocado polos traballadores da CRTVG en protesta polo control político do ente, así como pola supresión dos informativos locais e a eliminación da grella do programa Diario Cultural para trocealo e repartilo ao longo do día.
O parlamentario socialista criticou que a información da sentenza da Gürtel fora ofrecida de forma equiparable á petición de dimisión da deputada de En Marea Paula Quinteiro e ofrecida despois dos acordos do Consello da Xunta daquel día. Sinalou que a manipulación chegou a que suprimiran dun telexornal ao seguinte as imaxes dun cartel detrás do presidente da Xunta sinalando que o PP estaba “falecido por corrupción”.
Reclamou ademais unha explicación pola portada da web da CRTVG do 27 de maio, na que o titular era que “o PP di que Pedro Sánchez pretende asaltar o poder”. Luis Álvarez sinalou que “a conclusión é que dende presidencia do goberno se dixo que había que minimizar a sentenza da Gürtel, e independentemente de que se producira ou non esta orde, a realidade sitúa á TVG nun plano moi inferior ao tratamento noutros medios”.
Balance contable
Luis Álvarez interveu tamén na comparecencia do director xeral da CRTVG para presentar o balance contable do ente relativo a 2017, cando rexistrou unha redución do 10,2 por cento nos ingresos por publicidade previstos, o que supón 870.000 euros menos. Ao mesmo tempo, a CRVTG tivo que recibir durante aquel exercicio unha ampliación orzamentaria de 3,6 millóns de euros que “correron a cargo do orzamento galego”.