A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, censurou hoxe “o contrato e a política cultural que hai detrás” de O Son do Camiño. Na comparecencia do director xeral de Cultura no Parlamento, advertiu que a Xunta dedicoulle 3 millóns de euros a un contrato “opaco e irregular” que supón en tres días case tres veces máis do presuposto do Agadic para actuacións culturais todo o ano -1,2 millóns-.
Acusou ao goberno galego de facer “terra queimada” cun festival “sen retorno” e “centrado nun grande evento do que despois non vai quedar nada”, e polo camiño sitúan ás industrias musicais galegas abocadas ao peche por falla de orzamento. Sinalou que o goberno galego destinará a un só festival dez veces máis orzamento do que destinan a tódolos demais festivais en Galicia.
Burgo reclamoulle a este alto cargo que explique “que van facer coa programación do Xacobeo” e se respalda “darlle o monopolio” a unha UTE integrada por dúas empresas” e puxo en dúbida o seu impacto á hora de creación de industrias culturais. Sinalou que “está fora de toda dúbida un cartel magnífico e a profesionalidade das empresas, pero produce moitas dúbidas o contrato e a política cultural que hai detrás”.
A responsable socialista advertiu que, logo do anuncio do director xeral de “conseguir un modelo cultural” en realidade “danos á razón de que non teñen modelo cultural nin o tiveron nunca”. Sinalou que a actuación do goberno do PP en materia cultural limítase a “xestionar sectores con presupostos miserables e xerando problema” mentres “fan algunha cousa e grandes eventos”.
Adversarios
Apuntou que “fixeron sufrir aos sectores culturais porque os ven como adversarios, como unha crítica perigosa” e por iso reducen o apoio público e chegan a dicir dende o goberno galego que “só traballan polas subvencións” e que se buscaran os orzamentos “no mercado”.
Concepción Burgo sinalou que “os sectores culturais sufriron e moito nestes anos, e non só pola crise”, pola xestión do goberno galego, que reduciu un 55 por cento os orzamentos para cultura dende 2010. Explicou que “ningunha Consellería baixou tanto” o seu orzamento como a de Cultura, que se viu reducida cinco veces máis que os globais, porque se trata de sectores que non interesaban”.