O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, lamentou hoxe na Comisión de Industria a política de “escurantismo” levada a cabo polo goberno galego en materia de industria. Presentou unha pregunta oral na que solicitou a creación dun plan industrial definido que aproveite as novas axudas para a reindustrialización impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez.
O deputado socialista aproveitou a creación deste tipo de partidas “por primeira vez na historia recente de España” para solicitar a Xunta que se poña “mans a obra” e intensifique o traballo para a creación dun tecido industrial forte que sexa “competitivo” e que garanta un “emprego de calidade”, pois “emprego crease en Bangladesh” pero este tipo de traballo “non é o que necesitan os traballadores galegos”.
En relación á calidade do emprego, Losada incidiu na necesidade de trasladar as “melloras na produción aos salarios”, pois se non queda no “peto dos empresarios” e iso é “responsabilidade directa” da Consellería.
O responsable socialista comunicoulle ao responsable da Xunta que pese a que lle parecía ben a aposta que se estaba a facer cara unha “industria 4.0”, era necesario tamén o impulso a outros sectores da economía que quedan fora da “dualización” levada a cabo polo Goberno, coma no caso do sector primario.
Falta de transparencia
O deputado socialista lembroulle á Xunta a experiencia positiva vista na Comunidade Valenciana coa publicación, con todo “luxo de detalles”, das axudas que esta administración concedeulle a empresa Ford. Lamentou por outra banda a pouca transparencia da Xunta neste campo e indicou a importancia que ten a transparencia para darlle aos axentes económicos un maior coñecemento que lles permita actuar mellor.
Losada exemplificou isto co caso do intento do Goberno de facer opacas as axudas do “Plan Juncker” a Galicia mediante a votación en contra dos deputados do Partido Popular, aínda que isto resultase inútil ao ser publicado pola UE ao pouco tempo.
Criticou tamén a información transmitida pola Xunta na que se dicía que o IGAPE tiña invertidos 14 mil millóns de euros, ao longo da súa historia na economía galega, datos a todas vistas falsos e que mostran unha realidade falsa que pretende dar unha imaxe de “País das Marabillas”.